O galego esmorece na escola en Santiago: só o utiliza de forma predominante o 10% do alumnado
Un estudo encargado por Raxoi á RAG confirma a perda deste idioma como lingua inicial
Nas zonas ruraris e periurbanas fálase máis que no centro da cidade, que aparece fortemente castelanizado

Rapaces no Colexio López Ferreiro de Santiago. / Jesús Prieto

Nas escolas de Compostela fálase pouco en galego. Así o constata un exhaustivo estudo realizado pola Real Academia Galega (RAG) que conclúe que só o 10% dos alumnos usan de forma predominante esta lingua. A porcentaxe chega ata o 75% no caso do castelán. Para a súa elaboración realizáronse varias enquisas e contouse cunha ampla mostra de 3.808 estudantes, 390 docentes e 224 familias das diferentes etapas educativas.
Asinado por Martín Vázquez Fernández, o Mapa Sociolingüístico Escolar de Santiago de Compostela foi encargado polo Concello ao Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. Segundo indica a propia alcaldesa, Goretti Sanmartín, nos Cadernos de Lingua da RAG, o estudo «busca recompilar datos actualizados sobre o uso, as actitudes e a competencia comunicativa en galego de alumnado, profesorado e familias». Coa información resultante, Raxoi prevé «deseñar e implementar políticas lingüísticas eficientes que impulsen o uso do galego entre as novas xeracións e aseguren o futuro da lingua propia», indica a rexidora municipal.
«Claro predominio do castelán como lingua inicial»
«O estudo confirma e precisa liñas xa avanzadas pola literatura sociolingüística galega: a progresiva perda do galego como lingua inicial, a súa situación minoritaria como idioma habitual entre o alumnado, a persistencia de padróns de desgaleguización e a influencia decisiva dos movementos de poboación e da territorialidade na configuración dos usos lingüísticos», apuntan as conclusións. Os datos amosan «un claro predominio do castelán como lingua inicial e habitual entre o alumnado compostelán, cunha porcentaxe superior ao 75% no uso cotián exclusivo ou maioritario, fronte a apenas un 10% de uso predominante do galego», proseguen.
As enquisas realizadas deixan ver que aínda que algúns nenos chegan á escola como galegofalantes, van pasando progresivamente ao castelán. «A análise do cambio lingüístico confirma un padrón de baixa retención do galego nos casos onde esta é a lingua inicial», indica o estudo, que detecta nas escolas da cidade máis procesos de desgaleguización que de galeguización.
O castelán é a lingua coa que se inicia unha maioría clara do alumnado (55,4 %), fronte a só un 12,3% que ten o galego como lingua inicial. Unha proporción relevante, o 29,6%, afirma ter as dúas linguas por igual como idiomas iniciais, «o que apunta a existencia dun segmento bilingüe desde a infancia». O estudo recalca que unha ampla maioría do alumnado, un 89,8%, «mantén como lingua habitual a súa lingua». Non obstante, dentro do 10% restante «obsérvase un balance negativo para o galego: un 7,6% do alumnado experimenta un proceso de desgaleguización, fronte a só un 2,6% que se galeguiza», apunta o autor.
En función da procedencia
A procedencia tamén é outro dos factores relevantes á hora de decantarse por unha ou outra lingua. A maioría do alumnado naceu en Santiago de Compostela (71,2%), seguido polo nado noutras partes de Galicia (19,7 %), noutros lugares de España (3,6 %) e fóra de España (5,4 %). Entre o alumnado nado en Santiago, predomina claramente o castelán como lingua inicial (56,8%) mentres que só un 10,7% declara que é o galego. Esta última porcentaxe sobe nos nados noutras zonas de Galicia ata acadar un 21,4%. «O alumnado nacido noutras partes de España ou no estranxeiro tende a reproducir practicamente o monolingüismo castelán: máis do 90% usa o castelán exclusiva ou maioritariamente», apunta o estudo.
Tamén se observan cambios importantes segundo o lugar de residencia dentro do concello. «Mentres as zonas centrais de Santiago de Compostela aparecen fortemente castelanizadas, as parroquias rurais e as contornas periurbanas conservan maiores porcentaxes de uso do galego», recolle o informe. O estudo considera «urxente reforzar as medidas de planificación lingüística con base territorial, que teñan en conta as especificidades sociolingüísticas dos diferentes barrios e parroquias do concello. Recomenda tamén «revisar os instrumentos normativos e didácticos que regulan o uso das linguas nos centros, apostando por estratexias que promovan a inclusión do galego».
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla