Santiago
Da extensión do orbital á estación de mercadorías: todo o que o BNG demanda a Sánchez para Santiago
A formación nacionalista considera clave estes proxectos para converter a capital galega nun "nodo loxístico"

Sanmartín e Rego, nos instantes previos á súa comparecencia, este mércores na libraría Couceiro de Santiago / Cedida

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciaron este mércores as demandas que a formación nacionalista reclama ao Goberno de Pedro Sánchez como prioritarias para a capital galega. Sanmartín considerou que "precisamos abrir unha nova fase" en materia de infraestruturas con dous proxectos principais: a continuidade do enlace orbital e a construción dunha estación de mercadorías na Sionlla.
A extensión do orbital que propón o BNG sería cara o oeste para conectar esta vía coa plataforma loxística de mercadorías, actualmente en fase de construción. Segundo sinalou Sanmartín, esta ampliación xa está recollida no Plan Xeral e "serviría para unha mellor conexión, sobre todo desde a perspectiva de converter a Santiago nun nodo loxístico do transporte de mercadorías". A estación da Sionlla, pola súa banda, "ten que completar o ciclo coas infraestruturas que se levan efectuado para favorecer a diversificación económica dun concello que é moi dependente do sector de servizos", indicou a rexedora. "Son os dous grandes proxectos infraestruturais que entendemos que nestes momentos precisa Compostela", engadiu Sanmartín.
Evitar que os proxectos queden "paralizados"
Pola súa parte, Rego referiuse a outras reclamacións ao Goberno central nesta materia. Entre elas citou unha AP9 "xestionada pola Administración galega e libre de peaxes" ou o "impulso" de novas infraestruturas ferroviarias, como a conexión con Lugo ou a posta en marcha dun servizo de cercanías. Deste xeito, apelou a que "ningún dos proxectos que ten en marcha Compostela e que dependen en maior ou menor medida da colaboración económica do Estado, queden paralizados".
Rego recoñeceu que "non é doado" levar a cabo todas estas demandas, tendo en conta ademais as dificultades que pode atopar o Goberno á hora de sacar adiante uns orzamentos. Aínda así, valorou que "hai dispoñibilidade económica" e incluso "sen orzamentos aprobados, é posíbel dotar economicamente partidas para continuar impulsando proxectos". O deputado asegurou que a súa formación continuará "presionando" para que se fagan realidade estas propostas.
Proxectos executados e materias pendentes
Sanmartín e Rego tamén enumeraron unha serie de logros para Compostela que atribuíron á capacidade de negociación do BNG, como a creación dun xulgado de violencia de xénero, o desbloqueo da parcela de Peleteiro con vivenda protexida no centro da cidade, o incremento dos fondos europeos para a nova depuradora, a inauguración da estación intermodal co nome de Daniel Castelao ou o incremento das partidas para o Consorcio.
Ademais, lembraron outras actuacións dependentes de fondos estatais e aínda por levar a cabo, como a humanización da rotonda de Conxo, a musealización da citada estación intermodal, a recuperación de usos da antiga terminal aeroportuaria de Lavacolla ou a creación dun centro da Uned na capital galega.
Orzamentos municipais
Por outra banda, cuestionada polos orzamentos municipais para 2026, Sanmartín asegurou que o seu goberno xa enviou unha proposta ao PSOE e aos concelleiros non adscritos e que xa hai datas para manter reunións con estes grupos. A rexedora amosou a súa confianza en poder aprobar as contas, pero evitou dar prazos e subliñou que as conversas cos seus socios serán "discretas".
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Apagón en Santiago: una avería deja sin luz a 2.700 vecinos de Santiago
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- Accidente múltiple en la AP-9 a la altura de San Lázaro: uno de los heridos, hospitalizado en la UCI