Castelao presente, 76 anos despois da súa morte
O Panteón de Galegos Ilustres foi o escenario da homenaxe anual a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O político, debuxante, narrador e ensaísta rianxeiro volveu ser protagonista e reivindicado por todas as forzas políticas. O rostro do referendo do Estatuto de Autonomía foi presente un ano máis.

Homenaje a Castelao en Santiago / Jesús Prieto

A Real Academia Galega define «exilio» como acción e efecto de exiliar ou exiliarse e o exemplifica da seguinte maneira: «Só lle quedaba escoller entre o exilio e o cárcere». Así lle pasou a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que a finais de xuño de 1936 pronunciou na Estrada o seu último discurso a prol do ‘Si’ no plebiscito sobre o Estatuto de Autonomía para Galicia.
Menos dun mes despois, o 18 de xullo, o xeneral Franco sublevábase contra o goberno da II República e o rianxeiro, Castelao, exiliouse... «Conculcóuselle o dereito a vivir na terra na que naceu», que diría Xosé Manuel Beiras. Ou expatriarse ou ser encarcerado ou ser «paseado». Sorte esta última que correron moitos, entre eles o ex alcalde de Compostela Ánxel Casal, editor que entre outras obras publicou as de Alfonso Daniel. Cousas, unha colección de ilustracións da que non se falou pouco este mércores no Panteón de Galegos Ilustres, no 76 cabodano da morte do autor rianxeiro.
Morreu no exilio, na Arxentina, e aínda que hoxe todos o reivindican (PP, PSOE, BNG) o certo é que ninguén esquece a chegada dos seus restos a Bonaval, ao Panteón de Galegos Ilustres. Foi no ano 1984 entre unha turba de militantes de esquerda, xentes de dereitas e veciñanza rasa, para a que Castelao foi a voz dun tempo e dun país. «O primeiro presidente de Galicia dende o exilio», afirmou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que quixo poñer en valor o feito de conseguir que a estación intermodal leve o nome de Daniel Castelao.
Van alá 42 anos da chegada dos restos do ilustrador, médico, ensaísta e político de Rianxo ao Panteón de Galegos Ilustres, van 76 do seu pasamento e van 90 de que a sublevación franquista truncara o progreso democrático do Estado español, e da autonomía galega liderada por Castelao. «Un galego radical», lembrou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, citando as palabras de Ramón Piñeiro. «Castelao é unha forma de ver Galicia», dixo Formoso, «deulle voz a quen non a tiña» e retratou «unha Galicia humilde pero non resignada». O presidente da deputación citou ao propio Castelao, cando explicou que «se somos capaces de existir é por obra e graza do idioma».
Un idioma que tamén reivindicou o conselleiro de Cultura, José López Campos, que puxo o foco no pacto no que se traballa para a protección da lingua. O galego, cuxa Lei de Normalización Lingüística data do goberno popular de Fernández Albor (1983) e até o de agora só foi actualizada en 2004.
«Castelao é capaz de convocarnos a todos», dixo en Bonaval José López Campos, como antes tamén dixeran os demais intervintes. Ademais da rexedora compostelá, do conselleiro e do presidente da Deputación da Coruña, no Panteón de Galegos Ilustres falaron o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.
Este último citou a faceta de médico de Castelao, a súa cegueira que lle impediu seguir exercendo esa profesión e fixo unha férrea defensa da importancia da sanidade pública. Santalices percorreu os eventos culturais de 2025, como tamén fixo López Campos, sen esquecer o Ano Castelao (en 2025 e arredor dos 75 anos do pasamento do intelectual galeguista) e sen deixar de citar o Ano Pedrayo, pois o autor ourensán finou o 10 de abril de 1976 e entre a súa múltiple obra non deixou de homenaxear, tampouco, a Castelao, a través do texto O espello na serán.
Lembrando o plebiscito
Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, foi o primeiro en intervir, logo do músico Benxamín Otero (que lle puxo música ao evento, con pezas creadas exclusivamente para homenaxear o político de Rianxo). Seixas, no 90 aniversario da sublevación franquista que derivou en guerra civil e posterior ditadura, fixo mención aos mítins e ao papel relevante de Castelao durante a campaña a prol do estatuto de autonomía.
«Setenta mil carteis foron repartidos» para animar a cidadanía a pronunciarse polo ‘Si’ ou polo ‘Non’ no plebiscito pola norma autonómica galega, «contrataron avionetas», referiu Seixas para remarcar o despregue de medios que asumir unha norma tan importante coma a autonomía requiría. Pese a que pouco tempo despois ficase en nada, unha vez iniciado o conflito civil e coas principais figuras da República no exilio.
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla