Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Nogueira lanza a súa candidatura á USC: "A vivenda supón o gasto principal para os estudantes"

A catedrática de Dereito Administrativo solicita que a Xunta aporte os fondos necesarios para reabrir a residencia de San Clemente

Alba Nogueira, xunto aos membros da súa candidatura ao reitorado da USC

Alba Nogueira, xunto aos membros da súa candidatura ao reitorado da USC / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

A catedrática de Dereito Administrativo, Alba Nogueira, presentou este xoves o equipo que a acompaña na súa candidatura a reitora da USC nun acto celebrado na residencia de Fonseca polo seu carácter simbólico arredor dun dos maiores retos que ten por diante: facilitar o acceso á vivenda do estudantado. Nogueira sinalou que o aloxamento en Compostela representa "o custe principal" e que xa se converteu nun factor que determina as posibilidades de acceso á universidade.

A candidata sinalou que é preciso actuar "a curto, medio e longo prazo", centrándose na situación das residencias universitarias. Desta maneira, reclamou que a Xunta de Galicia aporte os 5 millóns de euros que son necesarios para rematar a rehabilitación da residencia de San Clemente para poder reabrila o próximo curso e "poder poñer a disposición esas prazas". "Pensamos que ten que ser unha prioridade", afirmou.

Ademais, apuntou que hai residencias da Xunta no Campus de Lugo que están "infrautilizadas", polo que explicou que "podería explorarse a posibilidade dunha cesión á USC ou a posta a disposición". Tamén respecto dos plans do goberno autonómico valorou que a construción dunha residencia en Salgueiriños é "unha boa noticia a medio prazo", pero "non soluciona nada o curso que vén".

Por outra banda, apelou ao Consorcio para abrir vías de colaboración e "ampliar a oferta" de vivenda en edificios históricos. Ademais, indicou que ten a intención de poñer en marcha un servizo de asesoramento ao estudantado que vive de aluguer.

Un equipo que "fai o día a día" da universidade

Nogueira presentou o seu equipo, no que xa ten asignadas algunhas responsabilidades de cara a un futuro goberno, pero indicou que outras non están identificadas para "deixar un espazo de crecemento" da candidatura. Resaltou que nela se integran directores de departamento, responsables de grupos de investigación ou membros de decanatos, perfís que "estamos facendo o día a día da universidade, e creo que iso nos permite ver a situación na que está".

Deste xeito, a candidatura está integrada pola profesora de Zooloxía Teresa Rodríguez como responsable de Sustentabilidade e Infraestruturas, o profesor de Historia Contemporánea Daniel Lanero (Investigación e internacionalización), a profesora de Filoloxía Inglesa Margarita Estévez-Saá (Docencia e Titulacións), o profesor de Economía Aplicada Óscar Rodil (Profesorado), a profesora de Psicoloxía Social Mónica Alzate (Estudantado, Benestar comunitario e Cultura), a catedrática de Química Física Mercedes Novo (Ciencia Aberta, Divulgación e Sociedade), a profesora de Ciencia Política Natalia Paleo (Igualdade), e a profesora de Organización de Empresas Romina García (Calidade e Reforma Administrativa).

Outras liñas de acción

Ademais das cuestións relativas á vivenda, Nogueira desenvolveu outras liñas de acción como a integración do Campus de Lugo ou a inclusión do persoal de administración no equipo de goberno. Ademais, avogou por unha defensa "máis firme" das titulacións da USC e da posta en valor da universidade pública fronte á privada e fixo un alegato en favor de "recuperar o pulso" da institución. "Desde a pandemia impera o desánimo e queremos cambiar iso", afirmou.

Respecto das relacións co Concello para a xestión dos espazos do campus, Nogueira reclamou que haxa unha "reciprocidade" no reparto de responsabilidades, algo que neste momento "non está habendo". Así, denunciou que o estado dalgunhas rúas e beirarrúas é "lamentable" e reivindicou que "se a universidade é unha quinta ou sexta parte da cidade, merece atención e merece que os viais estean polo menos como os de Xeneral Pardiñas".

Tracking Pixel Contents