Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un paseo de inverno a verán

Panorámica do paseo da Alameda compostelá tomada pola edil Marta Álvarez

Panorámica do paseo da Alameda compostelá tomada pola edil Marta Álvarez

Marta Álvarez

Santiago

O paseo da Alameda é un dos recunchos máis queridos por min da nosa cidade, un lugar para parar, respirar e sentir tranquilidade no medio de Santiago. Un lugar onde se pode descansar, reflexionar ou simplemente deixar pasar o tempo. Unha sensación de calma que conecta directamente co labor de coidar, acompañar e dar apoio cando máis se precisa.

Os pequenos xestos, ás veces silenciosos, son os que marcan a diferenza: unha mirada atenta, unha palabra de ánimo ou unha man que transmite seguridade. Así como o paseo respecta o ritmo de cada quen, os coidados de enfermería adáptanse ás necesidades de cada persoa.

O sol recóllese lento desde a escalinata que une o paseo da Alameda co Campus Sur. Hai quen contempla esta luz dourada como un agasallo cotián. Unha luz que quece en verán, acariña as flores tenras da primavera, prende as follas meladas no outono e aloumea nas frías tardes de inverno.

A enfermería ensínanos que mirar tamén cura, que a luz -aínda a que chega tarde- ten algo de bálsamo. A Alameda representa equilibrio, benestar e coidado colectivo, valores que tamén definen a miña profesión. Ambos contribúen a mellorar a saúde non só do corpo, senón tamén do ánimo, converténdose en apoios fundamentais para a vida diaria das que vivimos en Compostela.

Tracking Pixel Contents