Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Os socios do Bipartito esixen avaliar os acordos pasados para negociar as contas de 2026

Sanmartín indica que xa teñen un borrador de orzamentos e xuntanzas axendadas co PSOE e os non adscritos

Rozas, Sanmartín e Muíños asinando o pacto de orzamentos do ano 2025

Rozas, Sanmartín e Muíños asinando o pacto de orzamentos do ano 2025 / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

O goberno de Santiago xa ten finalizado o borrador dos orzamentos municipais para 2026 e xa lle trasladou un resumo do mesmo aos seus socios preferentes na Corporación, o grupo socialista e os concelleiros non adscritos. Así o revelou onte a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, que tamén indicou que xa hai datas axendadas para manter reunións con estas formacións e empezar a negociar. Non obstante, o edil Gonzalo Muíños, replicou que antes de falar dunhas novas contas quere coñecer o grao de execución e cumprimentos dos acordos acadados nos dous anteriores exercicios.

Sanmartín manifestou que «temos unha proposta de borrador de acordo orzamentario» e expresou a súa intención de «chegar a un acordo» en base a esa proposta que, «en canto poidamos, estaremos en condicións de poder someter ao pleno» para a súa aprobación. Despois de asinar o pacto cos seus socios para as contas de 2025 a mediados do pasado xaneiro e realizar a votación definitiva en abril, non quixo aventurar prazos para este exercicio, indicando que «imos agardar a ter esas conversas, que queremos que sexan discretas». Unha vez que se produzan os contactos cos grupos, «faremos público cal é máis ou menos o prazo», sinalou.

A alcaldesa tampouco quixo facer públicas as datas nas que se celebrarán as reunións con socialistas e non adscritos, insistindo en que «hai cuestións que deben ser tratadas primeiro de maneira discreta para esa negociación, e unha vez que se produzan esas xuntanzas, xa comunicaremos publicamente cales foron os resultados».

Cumprimento dos acordos

O goberno quere comezar xa a falar dos novos orzamentos, pero os seus socios seguen solicitando informes sobre a execución dos pactos acadados nos últimos anos. Pese a que Sanmartín lembrou que «xa tivemos reunións para mirar o grao de cumprimento dos acordos orzamentarios anteriores», Gonzalo Muíños asegurou que «a negociación de orzamentos non se inicia aínda porque seguimos agardando a un avance da liquidación dos anteriores». Nesta liña, engadiu que «ata que iso non ocorra, non se iniciará a negociación, que entendemos que será o obxecto da reunión da vindeira semana, previa a iniciar as conversas para as contas deste ano».

O concelleiro non adscrito criticou que o ano comeza «con orzamentos prorrogados e sen borrador completo de orzamentos, sen partidas e investimentos detallados nin nada que se lle asemelle». Tamén valorou que «a prioridade do goberno local era dar a coñecer que existía un documento, un PDF de apenas 17 páxinas para dar a entender que hai unha negociación en marcha». «Para nada é así», concluíu.

Dende as filas socialistas, o voceiro Sindo Guinarte explicou nos últimos días que a súa formación está disposta a iniciar as conversas co goberno «sen liñas vermellas» e reclamou a presentación dun documento para iniciar o diálogo. Non obstante, tamén fixo referencia aos pactos acadados en 2024 e 2025, advertindo que existen «algúns incumprimentos importantes».

Sanmartín apela á «responsabilidade»

Antes de coñecer estas reaccións, Sanmartín apelou á «responsabilidade dos concelleiros e concelleiras do resto dos grupos» para que poidan saír adiante unhas novas contas, xa que «existen suficientes cuestións dentro dos orzamentos que o que fan é axudar a transformar e a mellorar a vida da poboación». Desta forma, engadiu que «cando se fai política, cando se está en política, hai que ter responsabilidade, altura de miras e definir as cuestións non polo interese partidista que poida ter cada quen, senón polo interese común, polo ben colectivo».

Sanmartín afirmou que, independentemente das posicións das outras forzas políticas «ao goberno o que lle corresponde é ter unha proposta, trasladala e poder negociala» e defendeu que «a nosa vontade é que poida haber un acordo orzamentario». A alcaldesa tamén reivindicou os pactos acadados nos dous últimos anos: «Díxose que un goberno en minoría non ía ter posibilidade de ter orzamentos, pero tivemos orzamentos nunha ocasión, tivemos orzamentos nunha segunda ocasión, e a nosa intención é volver ter orzamentos».

Tracking Pixel Contents