Achegarse á obra do Mestre Mateo a través do 3D
Un audiovisual complementa a mostra das esculturas de Ezequiel e Xeremías expostas no Museo do Pobo Galego, recuperando a policromía orixinal

Fotograma da recreación das figuras orixinais do Pórtico da Gloria / CEDIDA
Dende o regreso a Compostela das esculturas de Ezequiel e Xeremías que o Mestre Mateo pensou para a entrada do Pórtico da Gloria e que dende os anos 40 tiña no seu poder a familia Franco no Pazo de Meirás, o Museo do Pobo Galego mantenas expostas nunha mostra que combina a investigación histórico-artística «máis avanzada coas últimas tecnoloxías en virtualización do patrimonio».
O discurso museográfico desta mostra, que se pode visitar en Bonaval até o mes de maio mentres se analiza a mellor localización para as esculturas, que permanecerán expostas ao público, apóiase nunha peza audiovisual que en 16 minutos achega «a primeira reconstrución integral da fachada do Pórtico da Gloria da que formaron parte as dúas figuras, realizada mediante o ensamblaxe dos modelos 3D de todas as súas esculturas dispersas, restituídas aos seus emprazamentos orixinais».
Trátase dun audiovisual froito do traballo do proxecto KosmoTech_1200 da USC e o Cispac responsable da reconstrución dixital do coro do Mestre Mateo e a colaboración da Fundación Catedral e do Consello da Cultura Galega. Un proxecto que ten á fronte o historiador Francisco Prado-Vilar, na dirección científica, e a Alexandre González na virtualización e restauración dixital mediante a implementación dun workflow que integra máis de 11 softwares especializados (entre eles Blender, ZBrush, Substance Painter, Unreal Engine e DaVinci Resolve).
Recuperar a policromía
A peza que se proxecta no Museo do Pobo recupera as policromías orixinais das esculturas, baseándose nos estudos de pigmentos e motivos decorativos da primeira policromía do Pórtico da Gloria, de xeito que ofrece «unha lectura iconográfica da composición e movemento das vestimentas e do simbolismo dos personaxes».
Segundo os expertos, «deste xeito, apréciase con nitidez o colérico visionario Ezequiel e o desolado Xeremías». Para Francisco Prado-Vilar, «as esculturas volven a Santiago cun espírito novo, xa que o coñecemento que adquirimos sobre elas grazas ás investigacións que acompañaron o seu proceso de recuperación contribuíron decisivamente á súa revalorización».
Así, ademais de podérense observar as esculturas de Mateo na ala sur do Museo do Pobo tamén se pode admirar o seu aspecto orixinal grazas «ao rigoroso proceso de restauración dixital que combina fotogrametría de alta resolución, o esculpido 3D para a anastilose dos fragmentos perdidos «e unha restitución cromática integral destinada a recuperar o naturalismo emotivo que caracterizaba as efixies mateanas, así como a optimizar a lectura formal das súas vestimentas», explica Prado-Vilar. Un procedemento que permite apreciar «a sofisticación do deseño de panos, cuxos pregues se concibiron para responder aos fluxos de aire do nártex onde orixinalmente se situaban as esculturas».
Na reconstrución realizada dende a USC tamén se aprecian de forma inédita outras obras mestras do Pórtico da Gloria como as Testemuñas da Apocalipse, Enoc e Elías, que hoxe se atopan no Museo de Pontevedra; a estatua-columna descuberta en 2016 que seguramente representa o profeta Zacarías, un personaxe enigmático que tería ocupado o umbral da fachada mateana «anticipando a análoga posición que lle outorgaría Miguel Angel no acceso á Capela Sixtina», engade Prado; ou a efixie de Santiago miles Christi, a primeira representación monumental de Santiago como cabaleiro, orixinalmente disposta na parte baixa fachada da cripta do Pórtico.
A cabeza de Salomón
No audiovisual destaca tamén a restauración dixital da escultura do rei Salomón. Unha intervención que se centrou na recuperación da cabeza orixinal, hoxe substituída por unha prótese pétrea posterior que «altera de maneira significativa a coherencia formal e expresiva da figura». Durante moito tempo creuse que a cabeza primitiva fora destruída no século XVII; porén, a investigación arquivística permitiu identificar dúas fotografías do século XIX nas que se comproba con claridade que aínda se conservaba daquela.
A partir destas imaxes, e mediante unha análise comparativa coa cabeza do rei David procedente do mesmo obradoiro, levouse a cabo un proceso de anastilose dixital mediante esculpido 3D que permitiu reintegrar a cabeza. Unha restauración dixital que recupera a integridade formal e a dinámica expresiva da escultura, poñendo de relevo a sofisticación do seu deseño, o refinamento do tratamento dos panos e o intenso sentido do movemento, «cualidades que a sitúan entre as obras mestras da escultura medieval».
Ademais da restauración escultórica abordouse a recuperación de elementos estruturais fundamentais da fachada a partir de modelos fotogramétricos. Entre eles destaca o arco principal, reconstruído integramente a partir das dovelas conservadas. «Estas pezas revelan un nivel de sofisticación volumétrica e ornamental excepcional, con presenza de motivos xeométricos de clara raigame andalusí, e permiten comprender a magnitude dunha entrada que superaba os sete metros de luz, unha das grandes fazañas técnicas e visuais do Pórtico», advirte Prado-Vilar.
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Apagón en Santiago: una avería deja sin luz a 2.700 vecinos de Santiago
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos