Santiago
O persoal do transporte de viaxeiros de Santiago avisa de que o conflito entra nunha "vía de radicalización"
Os traballadores manifestáronse este venres en Santiago e denunciaron que "nin a patronal ten traza de querer sentarse a negociar, nin a Xunta adopta unha posición activa para buscar unha solución"

O persoal do transporte de viaxeiros manifestouse este venres en Santiago / ECG

O persoal do transporte de viaxeiros da provincia da Coruña protagonizou este venres unha nova xornada de mobilización para reclamar un novo convenio colectivo do sector. Decenas de traballadores realizaron unha marcha que partiu da Estación Intermodal e rematou no Parlamento de Galicia coreando lemas como "Convenio xusto, salarios dignos", "Transporte de viaxeiros, solución" ou "Monbus culpable, Xunta responsable".
Despois de catro xornadas de folga en decembro, e cun calendario que prevé outras seis en xaneiro e que o paro sexa indefinido a partir de febreiro, o representante da CIG no sector, Ernesto López, avisou de que o conflito vai entrar nunha "vía de radicalización", xa que "nin a patronal ten traza de querer sentarse a negociar, nin a Xunta adopta unha posición activa para buscar unha solución".
O representante de UXT, Iván Cancela, engadiu que as negociacións están "rotas" despois de non manter ningún contacto desde a última mediación, na que a patronal realizou "unha oferta insultante" dun 2 % de subida salarial "sen tocar ningunha outra materia". Polo tanto, "o que nos queda é dar un toque de atención e que lle quede claro á Xunta e á patronal que o camiño que están a coller é o equivocado".
Subida salarial e redución de xornada
Os representantes sindicais concretaron que as súas reclamacións están dirixidas a asinar un convenio cunha subida salarial "digna" e cunha redución de xornada que teña en conta "certos parámetros que hoxe xa están máis que interiorizados pola sociedade". López denunciou que "a alternativa da patronal agora mesmo é que este sector quede sen convenio. É inaudito, a patronal pretende que as relacións laborais sexan a lei da selva".
Desta maneira, subliñou que "ou hai unha actualización de salarios en serio, con cláusula de revisión salarial e unha redución de xornada significativa, ou senón aquí non hai moito que falar. A xornada e o salario son claves e determinantes para intentar desbloquear a situación, pero non hai nin con quen falar".
Cancela tamén afeou a actitude da Xunta, que "está de perfil, poñéndose do lado da patronal". O representante de UXT criticou que despois de catro xornadas de folga "é incrible que deixemos a tantos viaxeiros e viaxeiras en terra e que lle dea exactamente igual".
Próximas mobilizacións
O sector ten convocadas seis xornadas de folga durante as próximas semanas, concretamente os días 12, 13, 16, 19, 20 e 23 de xaneiro. Se non hai un acordo para poñer fin ao conflito, a partir do 2 de febreiro o persoal irá á folga indefinida.
"Eu levo bastantes anos negociando este convenio e nunca vin unha negociación tan dura. Se logo de 4 días de folga e un calendario con folga indefinida, non hai unha mesa negociadora, non sei que vai pasar aquí", sinalou o representante da CIG. Nesta liña, Cancela agregou que "todo indica que imos chegar á folga indefinida porque non hai ningún tipo de movemento, parece que ata están cómodos nesta situación. Estannos empurrando a unha folga das se van recordar moitos anos".
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”
- Uno de los accesos clave a Santiago estará cortado al tráfico este miércoles por las obras de la senda Milladoiro-Intermodal
- El precio de la gasolina se desboca en Santiago y rompe la barrera de los 2 euros el litro