Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Postais dende Raxoi

As pedras que pisamos na praza do Obradoiro

Vista da fachada da Catedral na Praza do Obradoiro fotografada polo edil José Ramón de la Fuente

Vista da fachada da Catedral na Praza do Obradoiro fotografada polo edil José Ramón de la Fuente

José Ramón de la Fuente

Santiago

Adoitamos admirar o que visitamos en horizontal, ollando en perspectiva o que acontece en 360º, de este a oeste, de norte a sur, de esquerda a dereita, ou viceversa.

Poucas veces alzamos a nosa mirada para desfrutar de cornixas, tellados ou árgolas, e moito menos para observar, admirar e falar coas pedras que pisamos. Miramos e camiñamos de fronte sobre un leito cicelado a golpe de maza, esforzo, tesón e maña. Pedras moitas veces centenarias, labradas tamén a golpe de cicel ou simplemente escollidas pola súa irregular forma para crear un imposible mosaico xeométrico recoñecible mundialmente.

Encontro de camiños, mires cara a onde mires, arte polos catro costados.

O meu lugar especial é a Praza do Obradoiro, pétrea praza da que sempre admiramos pazos, hospital de peregrinos e fachada impoñente de sé universal, que ten un quinto perfil pétreo ás veces esquecido pero sempre presente, granítico sostén de tanta beleza.

Praza de ilusións de neno e de primeiros paseos de namorado, pedras pisadas por peregrinos, por crentes e descridos, por reis, por papas, por composteláns e visitantes, pedras onde repousan parte das miñas raíces, lugar de encontro, de pranto, de gozo, de xúbilo e de festa, final de etapa e lugar de comezo de nova vida.

Pedras simples rodeadas por excelsa arquitectura e delicada escultura, praza crisol de estilos, fachada de luz laranxa de tarde de verán que serpentea sombras imposibles, lugar de lembranzas de neno, de vivencias de mozo, de recordos perennes.

Tracking Pixel Contents