Mesa redonda
O Ateneo celebra un debate das candidatas ao Reitorado da USC o próximo luns
Maite Flores presentou a súa candidatura en Lugo reivindicando a identidade propia do campus lucense

O equipo de Maite Flores (cuarta pola dereita), este venres en Lugo / E. P.
A carreira polo Reitorado da USC vivirá o primeiro debate entre as catro aspirantes ao cargo: Rosa Crujeiras, Maite Flores, María José López Couso e Alba Nogueira. Será o próximo luns, 12 de xaneiro ás 19.30 horas na Rúa do Vilar, 19, nun evento organizado polo Ateneo de Santiago en formato de mesa redonda baixo o título de ‘Universidade e cidade’. O encontro insírese na programación dos Luns do Ateneo.
A sesión propón unha reflexión compartida sobre os vínculos entre a universidade e a súa contorna urbana, abordando cuestións como o impacto social da investigación, a transferencia de coñecemento, a proxección cultural da USC e o seu papel na vida da cidade. O formato de mesa redonda permitirá «contrastar propostas e visións nun contexto aberto ao diálogo co público asistente», indican desde o Ateneo.
Traxectoria das candidatas
A entidade resalta ademais que as participantes «achegan traxectorias académicas e de xestión diversas, representativas da pluralidade de ámbitos de coñecemento presentes na USC». Deste xeito, lembran que Rosa Crujeiras é catedrática de Estatística e directora científica do Citmaga, con ampla experiencia investigadora internacional; Maite Flores é catedrática de Óptica, vicepresidenta da Sociedad Española de Óptica e coordinadora do grupo Photonics4Life, cunha traxectoria centrada na investigación aplicada e nas tecnoloxías fotónicas; María José López Couso desenvolveu unha intensa carreira de xestión universitaria como decana da Facultade de Filoloxía e vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, e Alba Nogueira é catedrática de Dereito Administrativo, especialista en dereito ambiental e dereitos lingüísticos, con presenza destacada en órganos consultivos e redes de investigación.
A elección da persoa que ocupará o Reitorado da USC nos vindeiros seis anos, e que sucederá no cargo a Antonio López, terá lugar o 12 de febreiro de 2026, en primeira volta, e o 11 de marzo, no caso de que sexa precisa unha segunda votación.
Flores reivindica que Lugo non sexa «unha sucursal» de Santiago
Por outra banda, Maite Flores presentou onte en Lugo o a súa candidatura ao Reitorado e o equipo que a acompaña nun acto no que reivindicou romper coa idea de que o campus lucense é unha «sucursal» do de Santiago. A catedrática de Óptica avogou tamén por recuperar o antigo edificio do vicerreitorado para esta función, «o que non quere dicir que o vicerreitor teña que estar afastado do campus», matizou.
Flores tamén explicou que a formación da candidatura «non se fixo de forma precipitada, senón que foi «froito de traballo e diálogo». Así mesmo, destacou que a motivación da mesma céntrase en corrixir «a forma na que se está evolucionando, para apostar por unha universidade que avance cos tempos e dea resposta á sociedade».
Tamén en Lugo, Alba Nogueira mantivo unha xuntanza co alcalde, Miguel Fernández, e co tenente de alcalde, Rubén Arroxo, para darlles a coñecer os seus plans para o campus lucense.
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Apagón en Santiago: una avería deja sin luz a 2.700 vecinos de Santiago
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos