Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Anuncio da alcaldesa

Rosón acusa a Sanmartín de entrar en "precampaña" por recibir veciños no seu despacho

A concelleira non adscrita reclama "máis anuncios de licitacións e investimentos e menos campañas de propaganda"

Mercedes Rosón, no Pazo de Raxoi, en Santiago

Mercedes Rosón, no Pazo de Raxoi, en Santiago / Cedida

Santiago

A concelleira non adscrita, Mercedes Rosón, valorou este sábado o anuncio da alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, de abrir o seu despacho aos veciños como un acto de "precampaña". Rosón reclama "máis anuncios de licitacións e investimentos e menos campañas de propaganda" e critica que esta iniciativa comece a realizarse "a pouco máis dun ano das eleccións municipais".

Rosón afeou tamén que o anuncio chegue "despois de case tres anos de queixas constantes por parte de asociacións de veciños, representantes de diferentes sectores económicos, tecido cultural e turístico". As non adscritas consideran que se debe gobernar "escoitando sempre á cidadanía do Concello, non só cando falta un ano e pouco para as eleccións".

Pide que "se centre en xestionar"

Ante isto, Rosón reclámalle a Sanmartín que "non pense tanto nas eleccións aínda e se centre en xestionar" enunciando cuestións que considera prioritarias como acadar a declaración de mercado residencial tensionado para topar o prezo do alugueiro, poñer a funcionar a nova empresa pública de vivenda e solo, reforzar o control sobre as concesionarias de limpeza e mantemento, desbloquear o contrato da auga "para levar o saneamento e abastecemento a todo o termo municipal" ou iniciar o proceso para a construción da Casa dos Maiores no Ensanche ou o polideportivo de Santa Marta.

Rosón engadiu que a alcaldesa "non escoitou a ninguén, nin a sectores afectados nin á veciñanza" noutros asuntos, como a taxa turística, a ordenanza do lixo ou elaboración dos orzamentos. Deste xeito, preguntouse "por que ata agora as portas do despacho da alcaldesa estiveron pechadas" e concluíu que "para xestionar hai que andar a pé de rúa, como facemos e fixemos as demais sempre, non só cando se aproximan os procesos electorais".

Tracking Pixel Contents