Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Do aritmómetro ao Playmobil sen esquecer o máis 'vintage': a Feira de Antigüidades triunfa en Área Central

A terceira edición deste mercado no centro comercial de Fontiñas, que culmina este domingo, e enche o centro comercial de coleccionistas e curiosos dos máis variados obxectos

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O Centro Comercial Áreal Central celebrou esta fin de semana a terceira edición da súa Feira de Antigüidades. Con arredor de 60 expositores, con produtos vintage da máis variada índole, todos os corredores do centro comercial estiveron ocupados de 10 a 20.30 horas cun ir e vir de público xeral e tamén de coleccionistas, nun mercado organizado pola Asociación Cultural Ferro Vello, contando coa colaboración do Concello de Santiago. Ademais, nesta fin de semana co aliciente deste domingo, período xa de rebaixas, onde os comercios que permanecen no centro abren no horario habiual.

Unha edición máis, como xa pasou nas anteriores, o reclamo que supoñen certos obxectos máis vintage ou de coleccionista, varios stands contaron con bonecos Playmobil. Obxectos que seducen a quen se criou con eles e aqueles que xa os ven coma outro tipo «xoguete», máis alá de que sendo cativos fosen complemento das historias que imaxinaba a cabeza de cada crianza.

Obxectos curiosos e a bo prezo, como coincidiron en valorar tanto os propios vendedores coma a clientela, habitual ou ocasional da feira de antigüidades. Dende pezas da II Guerra Mundial, lámpadas de deseño, louzas dos anos 70, miniaturas de coches, libros de vello e discos de vinilo, entre moitísimas outras cousas.

Alberto Cancela e José Manuel Rodríguez, anticuarios que participaron nas anteriores edicións coinciden en diagnosticar que «é necesario traer un pouco de todo, porque hai xente para todo». Tanto coleccionistas que xa saben o que veñen buscar coma clientes ocasionais que se guían máis pola curiosidade de topar coa feira.

É o caso de Beatriz, que por máis que nalgunha outra ocasión pasou por alí, foi este sábado cando se detivo un pouco máis. «É moi interesante, hai cousas moi chulas que ás veces como pasas habitualmente nin te fixas, pero cando paras ves que hai moita cousa interesante». Ela interesouse nunha louza, dos anos 70, «moi chula, e a prezo moi razoable para o que é», afirmaba en conversa con EL CORREO GALLEGO.

Dos prezos, que oscilaban entre o euro e os 500, dependendo da peza, do valor de fabricación, da antigüidade ou da exclusividade ou estrañeza do obxecto, tamén falou ben Raquel, ela xa cun perfil máis coleccionista. «Xa vin algunha vez, gústame ver cousas de antes, e xa me acheguei cedo, ás 10.30 horas, para ver vinilos». Non son discos de vinilo o que ela colecciona, máis ben opta por máquinas de escribir e caixiñas, pero «o meu pai está de aniversario e estáballe a buscar discos dos anos 70, porque tivo que vender a súa colección cando volveu de Inglaterra», coma emigrante retornado. Unha colección que agora está a refacer «pouco a pouco».

Mercar, porta a porta

Os vendedores recoñecen que por máis que é necesario ter «algo de todo, por para todo hai compradores» tamén teñen os seus clientes habituais. Alberto Cancela, coma José Manuel Rodríguez, levou esta fin de semana a Área Central pezas militares antigas, que teñen reclamo, pero tamén curiosidades coma a calculadora mecánica Odhner, ou aritmómetro, unha peza que se vende por 150 euros, «moi simpática».

Cancela ten os seus obxectos, ben variados, con prezos tamén variados, dende os 10 euros «das botellas antigas de cristal» até os 400 ou 500 que poden valer «as pezas náuticas ou as brúxulas». Tamén Rodríguez ten esa marxe de prezos ou aínda maior, dende os «botóns militares máis normais» que está a un euro, aos máis peculiares «a 25 ou 30 euros». José Manuel Rodríguez, que en cada feira adoita ter «15 metros de cousas novas» ten moito cliente, coleccionista habitual, cos que ten trato directo.

«Fágome con material acudindo ás casas, se me chaman ou me localizan nas feiras e pregúntanme se merco... Eu achégome e se chegamos a acordo perfecto», explica en conversa con este diario. Máis alá diso, non só os vendedores son habituais, tamén os mercadores. «Por normal xeral eu teño un cliente, coleccionista, que me ve en diversas feiras, e que me contacta sabendo que vou estar en tal sitio e se achega».

Tracking Pixel Contents