Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Postais dende Raxoi

O Sarela, onde a cidade baixa o ritmo

Imaxe do paseo do río Sarela tomada polo concelleiro Xesús Domínguez

Imaxe do paseo do río Sarela tomada polo concelleiro Xesús Domínguez

Xesús Domínguez

Santiago

Tan preto da trama urbana de Compostela existe un mundo alleo á cidade, un espazo de alto valor medioambiental onde só se escoita o correr da auga, o movemento das follas ou o canto dos paxaros. Nas súas augas podemos observar un picapeixe pescando, unha garza real ou mesmo un corvo mariño.

O Sarela é un paseo pola natureza e tamén polo noso pasado industrial recente, tan mimetizado coa vexetación que pode pasar desapercibido para quen descoñece a súa historia. Un itinerario sinxelo que discorre en paralelo ao río, á sombra das carballeiras e da vexetación propia das ribeiras galegas: ameneiros, bidueiros, salgueiros e especies endémicas como o picamartelos (Narcissus cyclamineus).

Desde a miña chegada a Compostela, alá polo ano 84, cando vivía na contorna de Poza de Bar ou das Arrepentidas, achegábame ao Sarela para descubrir recunchos agochados tras unha vexetación vizosa. As visitas guiadas polo río axudaban e axudan a facer visibles as ruínas dun pasado ligado ao desenvolvemento económico desta cidade: pontes, muíños, canais, curtidoiros e construcións singulares como a Casa das Máquinas ou a Finca do Espiño.

Hoxe, achegarse ao Sarela continúa a ser un pracer para os sentidos. Calquera dos tramos entre Pardaces e Vidán abondan para esquecer o ritmo acelerado do día a día, rodearse de historia e biodiversidade. Séguense recuperando espazos, abrindo novos treitos e coidando a súa contorna, mentres o río continúa o seu curso.

Tracking Pixel Contents