Santiago
O PP reclama unha solución ante os impagos ao persoal dos centros socioculturais de Santiago
De la Fuente critica que o goberno municipal «mira cara outro lado» mentres que os traballadores «pasaron o Nadal sen cobrar»

José Ramón de la Fuente, concelleiro do PP de Santiago / Cedida
O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, reclamou onte ao goberno municipal que tome medidas ante os impagos reiterados que sofre o persoal dos centros socioculturais por parte da empresa concesionaria. O edil acusou o Bipartito de BNG e CA de «non vixiar adecuada e responsablemente a execución do contrato», dado que «nestes momentos, se lles debe aos traballadores catro nóminas, incluídas as de Nadal».
Prórroga e nova licitación
A empresa responsable do lote do contrato que máis persoal ten ao seu cargo, Serviplus, vén arrastrando problemas de atraso nos pagos desde o outono de 2024 e mesmo chegou a anunciar a súa renuncia, aínda que non chegou a producirse. O goberno prolongou o vínculo cunha prórroga e unha orde de continuidade á espera de poñer en marcha o novo contrato do servizo, que tras varios atrasos sobre os prazos previstos xa se atopa en fase de licitación, cun dos lotes xa adxudicado provisionalmente. As previsións apuntan a que o proceso podería culminar no mes de febreiro.
Segundo explicaron fontes sindicais a este diario, antes de decretar a orde de continuidade o Concello «tentou un plan B para mellorar as condicións dos traballadores cunha empresa ponte, pero non puido ser». Ademais, explicaron que se comezaron a adoptar algunhas das medidas disciplinarias previstas nos pregos ante os impagos.
Lei de contratos
Pola súa banda, De la Fuente criticou que o goberno local recorrera ás prórrogas mentres se producía esta situación cos traballadores «sen que o BNG e CA fixeran absolutamente nada por eles». O edil do PP agregou que «o máis sangrante é que o goberno nacionalista ten mecanismos para intervir, posto que a Lei de contratos contempla esta posibilidade, co fin de que o órgano de contratación garanta o cobro das nóminas polos traballadores, pero o goberno local non quixo explorar estas posibilidades». Desta maneira, insistiu en que Raxoi «terá que explicar aos traballadores por que» non empregou eses mecanismos.
Finalmente, o concelleiro remarcou que, «a estas alturas, xa non sorprende a falta de xestión deste goberno incapaz e indolente, de todos é coñecida a súa ineptitude, pero o que si asombra é a falta de empatía deste suposto goberno de esquerdas cos traballadores, que sofren unha precariedade laboral evidente».
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Apagón en Santiago: una avería deja sin luz a 2.700 vecinos de Santiago
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- Accidente múltiple en la AP-9 a la altura de San Lázaro: uno de los heridos, hospitalizado en la UCI