Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Postais dende Raxoi

Mulleres de mundos distintos, ou non

A concelleira popular ante a farmacia que forma parte das súas lembranzas coa súa avoa

A concelleira popular ante a farmacia que forma parte das súas lembranzas coa súa avoa

Olaya Otero

Santiago

O meu lugar favorito é unha lembranza. A de miña avoa, muller de personalidade forte e extrovertida. Agarrada da súa man baixo do autobús e entramos no Venecia. «Bos días Susa!» o ambiente da cafetaría muda cando ela entra, chegou unha explosión de enerxía. Rematado o café, imos lixeiras cara ao número 25 da Rúa do Hórreo.

A avoa traballa na casa da Sra. Makika, mestra de profesión. A nena que eu era, observa como elas, dúas mulleres de mundos distintos, comparten conversas que as enriquecen a elas e a min. Makika sempre me enchía de aloumiños. Antes disto, chegaban as bromas do Sr. Fernando, o propietario da farmacia do baixo do edificio, e que aos meus ollos, segue sendo máxica aínda hoxe.

«Susa! A esa nena hai que darlle un xarabe, ten o nariz derriba da boca!». Tanto que me enfadaba daquela, pouco sabía eu que as súas bromas, serían tamén semente do amor por Santiago e a súa xente. Entre as tarefas da avoa estaba a de ir á compra. Uns días á tenda da Señora Vitoria, outra muller traballadora, outros á Praza de Abastos.

Anos despois, estando xa na universidade, fun coa avoa «á de Vitoria», ela dixo que era porque alí tiñan a mellor empanada, eu albisquei que o que quería era saber que tal estaba aquela outra muller coa que tamén compartira inquedanzas.

Mentres paseo nestes recordos, xorde un pensamento: que loitadoras e probablemente feministas eran sen sabelo. E un desexo: Ogallá saibamos estar á altura e coidar do seu legado de respecto e sororidade.

Tracking Pixel Contents