Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Novos encontros para coñecer a USC: percorridos polas facultades e visitas a residencias

Alumnado de Ensino Medio poderá participar nesta iniciativa que se desenvolverá os días 3, 4, 5 e 6 de febreiro en Santiago

Estudantes no Campus Norte de Santiago nunha anterior edición de 'Encontros na Zona USC'.

Estudantes no Campus Norte de Santiago nunha anterior edición de 'Encontros na Zona USC'. / Antonio Hernández

L.R.

Santiago

Estudantes de Bacharelato, de cuarto de ESO ou ciclos formativos poderán coñecer a oferta docente e de servizos da Universidade de Santiago a través dunha nova edición dos ‘Encontros na Zona USC’. Esta iniciativa desenvolverase os días 3, 4, 5 e 6 de febreiro en Santiago e nas xornadas do 24 e 25 do mesmo mes no Campus de Lugo. 

Cada estudante pode elixir un único percorrido de entre os ofertados en ambos os campus. “Cada estudante pode escoller o percorrido que máis lle interese, sen ter que ir toda a clase xunta”, destacan dende o programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, como organizador. Nos formularios de inscrición para Lugo e Santiago que se abrirán o venres 16 de xaneiro, cada centro de Ensino Medio debe indicar os datos do centro e dunha persoa acompañante así como o día da visita e o número de estudantes de cada percorrido. Nalgún caso existe a posibilidade de elixir un percorrido cun único centro (Facultade ou Escola) ou elixir un percorrido dese centro en combinación con outro.

No Campus de Santiago ofrécense 17 percorridos e a visita ás residencias universitarias Monte da Condesa e Burgo das Nacións. En Lugo, ofértanse sete itinerarios e a visita á Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay.

Éxito na anterior edición: máis de 6.000 estudantes de 119 centros coñeceron a USC

Dende o programa A Ponte salientan que “nesta actividade ofrécese aos estudantes de Ensino Medio unha oportunidade de contacto coa Universidade, visitando os centros dos Campus de Lugo e Santiago para recibir información directa dos estudos que organizan”. Na anterior edición participaron 6.242 estudantes de 119 centros (5.380 estudantes de 103 centros no Campus de Santiago e 862 estudantes de 16 centros no Campus de Lugo). 

Tracking Pixel Contents