Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Postais dende Raxoi

Entre o 1 e o 3 da Porta da Pena

Entre o 1 e o 3 da Porta da Pena

Entre o 1 e o 3 da Porta da Pena

Manuel César

Continúo lembrando o día que acompañei miña avoa a levarlle o almorzo ao avó. Viaxamos en bus desde San Lázaro até a Porta do Camiño e despois subimos polas Casas Reais, atravesando a Praza do Pan, dirección Acibecharía, virando á dereita pola rúa da Troia, primeiro e continuando pola da Fonte de San Miguel até chegarmos á Porta da Pena.

Debía ter cinco ou seis anos, cando por primeira vez traspasei a porta de dobre folla dos talleres de Enrique Carballido, que miña avoa empurrou e accedemos a un espazo ateigado de figuras de buxo, carballo e castiñeiro, espreitando os novos visitantes.

Para un menino daquela idade, aquelas figuras de cristos crucificados, virxes inmaculadas e anxos ascendidos aos ceos do obradoiro, produciu un deslumbramento cuxa lembranza chegou até os días actuais. Parafraseando Quevedo: «no hallé cosa, en que poner los ojos» naquelas paredes cubertas de figuras e outros elementos que permitise ver un oco de cal. Ás figuras humanas acompañaban outros elementos usados na imaxenaría compostelá e non só, como báculos, teas con chamas acesas, estrelas, nubes...

Pasados os anos cada vez que paso pola fronte daquela porta, agora sempre trancada, entre os números 1 e 3 da Porta da Pena, que non é 2, venme a lembranza daquela experiencia e a curiosidade de ver se alí, una vez atravesada a lumieira, aqueles moradores de pau continúan a habitar o antigo obradoiro de imaxenaría onde me avó traballou até a xubilación.

Tracking Pixel Contents