Previsión nos orzamentos
Louzao, sobre os novos radares de Santiago: "A cidadanía sabe que van estar aí. Se cumpre, non haberá multas"
A voceira de Raxoi critica a Borja Verea porque "a única forma que ten de facer oposición é sempre insultando o equipo de goberno"

Radar ubicado na rúa do Restollal, un dos puntos de entrada e saída de Santiago / Jesús Prieto

A voceira do goberno local de Santiago, Míriam Louzao, saíu ao paso das críticas da oposición polo anuncio da instalación de novos radares en Santiago. Ante as acusacións de PP e PSOE de que a medida ten un "afán recadatorio", Louzao insistiu en que "non se decidiron colocar por unha cuestión recadatoria, senón por unha cuestión de seguridade".
En concreto, haberá un novo radar no túnel do Hórreo, outro permanente na rúa do Restollal e un fotorroxo na avenida de Lugo. Este plan vai acompañado dunha previsión de ingresos nos orzamentos por recadación de multas de 5,6 millóns de euros. Louzao fixo un chamamento á cidadanía, que "sabe que vai haber aí eses radares, e por tanto, se cumpre as normas de circulación, non haberá esas multas".
Ante o crecemento dos ingresos previstos por sancións, sinalou que o departamento de Tráfico fai unha estimación da recadación porque "pola súa experiencia teñen detectado que cando se coloca un novo elemento durante un tempo, sobe a recadación, para logo volver baixar cando a xente xa sabe que hai aí ese radar". Ademais, sobre a xustificación da medida, apuntou que en base aos informes deste departamento "está máis que analizado e contrastado que son zonas nas que se deben colocar" .
Con respecto á información para os usuarios das vías, subliñou que "por exemplo, no radar de Conxo, melloramos a sinalización para que as persoas que pasan, saiban que existe, porque o que buscamos é que ralenticen a velocidade e non a recadación". Nesta liña, asegurou que os novos dispositivos "estarán debidamente sinalizados, estase informando de que se van colocar e, por tanto, queda claro que o obxectivo do departamento de Tráfico é mellorar a seguridade das vías".
Críticas de Borja Verea
Entre as críticas recibidas nas últimas horas por esta cuestión, chegou a do líder do PP de Santiago, Borja Verea, que acusou a Raxoi de "sablear aos cidadáns" nunha intervención na que tamén cualificou de "medida de chichinabo" o anuncio da alcaldesa de recibir á veciñanza no seu despacho dúas veces ao mes. Fronte a isto, Louzao estimou que "a cualificación que pon Borja Verea xa se define por si mesma".
A voceira engadiu que "é bastante lamentable que pareza que a única forma que ten o señor Verea de facer oposición, sexa sempre insultando ao equipo de goberno e a todas as medidas que tomamos. Fagamos o que fagamos, digamos o que digamos, imos recibir un insulto por parte de Verea, e polo tanto, creo que se cualifica el mesmo".
Datos do aeroporto á baixa
A concelleira tamén valorou a caída de pasaxeiros do aeroporto Rosalía de Castro, que pechou 2025 cun 14 % menos que en 2024. "Xa sabiamos que os datos ían ser máis baixos que os anos anteriores", indicou, por factores como o peche da base de Ryanair ou o crecemento do tren. Tamén quixo destacar que seguen sendo cifras "moi relevantes" ao superar os tres millóns de usuarios, polo que chamou a "non caer no catastrofismo".
Louzao tamén puxo en valor a captación de novas rutas internacionais e o aumento de frecuencias doutras. Os novos destinos empezarán a operar principalmente cando rematen as obras na pista, que obrigarán a un peche de 35 días entre abril e maio. Asegurou que seguen tratando de conseguir máis conexións e que, aínda que os datos de 2026 tamén se verán afectados por ese peche, "queremos quedar coa parte positiva de que son unhas obras necesarias que farán que a infraestrutura quede ben dotada para despois poder arrancar".
Ademais, a voceira de Raxoi agradeceu a colaboración con Aena, con demandas cumpridas como a inclusión do aeródromo compostelán na bonificación de taxas, e volveu reclamar da Xunta de Galicia a súa "implicación" na política aeroportuaria para que sexa "unha política de país".
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio