Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As contas municipais de 2026

Muíños rexeita dar o seu apoio ao goberno de Santiago para un «orzamento inventado»

Descarta facilitar unhas contas con previsións dun 173 % máis por recadación de multas e con partidas «sobredimensionadas»

Xuntanza dos edís non adscritos co goberno local de Santiago o pasado mes de novembro

Xuntanza dos edís non adscritos co goberno local de Santiago o pasado mes de novembro / Cedida

Manu López

Manu López

Santiago

Os concelleiros non adscritos fixeron onte balance da xuntanza co goberno local celebrada o pasado luns sobre os orzamentos de 2026. Pese a que o grupo non considera abertas aínda as negociacións para un posible acordo, o seu voceiro, Gonzalo Muíños, rexeitou dar o seu apoio ao que tidou de «orzamento inventado», expresando «dúbidas» sobre algunhas das partidas de ingresos previstas, especialmente a recadación por multas de tráfico. Os exedís do PSOE tamén indicaron que o encontro serviu para «abordar os incumprimentos dos acordos anteriores».

Muíños cualificou de «esaxerada» a previsión de incremento dos ingresos por sancións de tráfico nun 173 % e reclamou informes técnicos, coincidindo co resto dos grupos da oposición en que «non responde a outro criterio que o recadatorio» e remarcando que non o van «avalar» . O concelleiro tamén pon en dúbida outras partidas, como as da taxa turística ou as novas licenzas de taxis, lembrando que xa estaban consignadas en 2025 e «non se chegaron a materializar».

Nesta liña, sinalou que «non imos permitir que volva ocorrer un desequilibrio deste tipo» e solicitou un informe económico que acredite que os ingresos previstos pola taxa turística pódense soster, toda vez que a taxa comezou a cobrarse finalmente no mes de outubro, rematada xa a temporada alta. Ademais, pediu coñecer algún documento oficial que garanta para este ano a ampliación das licenzas de taxis.

Ausencia de «borrador completo»

Os non adscritos insisten en que non dispoñen dun «borrador completo» e respecto do documento trasladado «queremos saber se as cifras debuxadas polo goberno local son ou non pura maquillaxe para que ingresos e gastos cadren». Mentres non obteñan garantías ao respecto, afirman que non comezarán a concretar investimentos.

Pese a estas críticas, Muíños recalcou que teñen «a mellor das vontades» para chegar a un acordo, pero matizou que non van aprobar un «orzamento inventado, con partidas sobredimensionadas e investimentos previstos que non chegan a materializarse». Tamén insiste en rematar antes a avaliación dos motivos polos que «non se cumpriron algúns dos acordos asinados» en orzamentos anteriores.

Pleno de febreiro

Muíños tamén manifestou a súa «sorpresa pola lentitude e falta de interese» que achaca ao goberno local nesta negociación. «Estamos a mediados de xaneiro e aínda non temos un borrador completo, só un pdf de 17 páxinas», insistiu. Deste xeito, o edil non ve «realista» a intención do goberno local de levar o proxecto de orzamentos ao pleno de febreiro. «Non creo que estean en condicións de poñer esa data límite», concluíu.

Tracking Pixel Contents