Presentan en Santiago a rede de investigación que permitirá anticiparse ás enfermidades
Alcohol, drogas ilegais, sobrepeso e obesidade, son algunhas das liñas a analizar na Rede de Investigación en Promoción da Saúde de Galicia

Mónica Pérez Ríos, Gómez Caamaño e Gumersindo Feijoo na presentación da Rede de Investigación en Promoción da Saúde de Galicia . / Cedida

Anticiparse ás enfermidades, mellorar o benestar e protexer a sostibilidade do sistema sanitario público é o obxectivo da creación da Rede de Investigación en Promoción da Saúde de Galicia. A iniciativa foi presentada este xoves na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, onde se reuniron unha trintena de especialistas e máis dun cento de asistentes.
A profesora da USC e directora da Cátedra, Mónica Pérez Ríos, apuntou que «esta Rede xorde co obxectivo de reunir especialistas de diferentes disciplinas que traballan en Promoción da Saúde en Galicia». O acto estivo presidido polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijóo, tamén contou coa intervención do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen puxo en valor que con esta rede créase «un novo espazo de diálogo entre a investigación e a práctica clínica» e «facilítase a transferencia de coñecemento, ao tempo que se impulsan novas sinerxías que terán un impacto real e positivo na vida da poboación».
Segundo pronunciou o conselleiro, «non abonda con curar, hai que anticiparse ás enfermidades e promover contornas e estilos de vida que favorezan a saúde das persoas». Ao respecto, Caamaño asegurou que niso «Galicia é experta, contando con políticas de prevención á vangarda do Estado».

A Rede de Investigación en Promoción da Saúde de Galicia deu este xoves os seus primeiros pasos na Facultade de Medicina da USC. / ECG
O evento contou coa presentación de diversas liñas de investigación que abarcan cuestións como o alcohol, drogas ilegais, adiccións sen substancia; bebidas enerxéticas e nutrición, alimentación, sobrepeso e obesidade; así como a actividade física, sedentarismo e envellecemento activo.
A clausura da xornada correu a cargo de Sagrario Pérez Castellanos, subdirectora de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde; Alberto Ruano Raviña, coordinador do grupo de investigación ESPASS da USC; e José Martín Carreira Villamor, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.
Quen forma parte da Rede?
A Rede intégrana persoal das tres universidades públicas galegas e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña. Con todo, esta iniciativa está liderada pola Cátedra de Vida Saudable da USC e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia.