Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Reurbanización de Santiago de Chile: o proxecto piloto para mudar o Ensanche

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, presenta en rolda de prensa o anteproxecto co que humanizar o "ámbito máis densamente poboado do municipio"

Recreación da reurbanización programada para Santiago de Chile

Recreación da reurbanización programada para Santiago de Chile / Cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O goberno local vén de presentar o seu plan para humanizar o Ensanche, "o ámbito máis densamente poboado do municipio, con máis de 14.600 habitantes", explicou o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, para dar a coñecer o anteproxecto de reurbanización da rúa Santiago de Chile. Un deseño de RVR Arquitectos cuxo orzamento base de licitación para a redacción do proxecto se publicará este ano, dotado con 2,8 millóns de euros, previo procedemento de participación da veciñanza da zona.

Trátase segundo explicou o edil Lestegás de "realizar unha actuación acorde co plan previsto para o conector central da cidade", cuxa primeira fase finalizou o pasado día 9. Neste sentido o concelleiro fixo referencia a que máis alá da densidade de poboación Santiago de Chile ten "unha elevada actividade comercial pero moi poucos espazos de uso público". "A rúa ten unha anchura media de 15 metros, dos que 10 están ocupados por vehículos e cinco por peóns", matizou Lestegás sobre a situación actual do espazo urbano.

O anteproxecto contempla establecer unha calzada central de 3,2 metros e beirarrúas de 3,6 metros con diversos deseños segundo a zona concreta da rúa. Dotar o espazo de árbores cun maior tamaño, deixar un só carril de circulación para transporte público, vehículo privado e bicicletas son algunhas das premisas iniciais, pois "a circulación non é a única opción de uso do espazo público", por iso tamén se pensa en limitar a velocidade aos 20 km/h.

Ao respecto da redución de carrís o concelleiro reiterou, como xa no seu día fixo ao falar dos plans para o conector central da cidade (de San Clemente a San Caetano pasando por Virxe da Cerca), que a medida reduce o número de vehículos que «atravesan» determinados espazos, buscando vías alternativas. Redución que non acontece cando se amplían o número de carrís nun sentido da marcha, pois a máis carrís máis vehículos, maior saturación do tráfico e menor «pacificación» do mesmo.

Ademais, actuarase sobre a rede de abastecemento e saneamento, que na actualidade non está dividida, un deseño "impropio desta época", polo que se modificará cara a canalizacións separativas.

Zona verde e peonil na Praza de Vigo e elementos humanizadores en Doutor Teixeiro

O plan de Raxoi para o Ensanche conta tamén con intervencións, posteriores ao proxecto piloto de Santiago de Chile, na rúa Doutor Teixeiro e mais na Praza de Vigo. Senllos anteproxectos asinados polos arquitectos Eduardo Cruz e Creus e Carrasco, respectivamente.

O proxecto de Doutor Teixeiro inclúe espazos de convivencia entre o vehículo e o peón, arborado e áreas de descanso non só para servizo da hostalaría. Ao xeito de Santiago de Chile mais sen determinar as zonas concretas, por agora, nas que instalar estes elementos.

Recreación de la Praza de Vigo

Recreación da Praza de Vigo / Cedida

Outra das actuacións vai afectar á Praza de Vigo, onde se vai mudar o "espazo actual bastante confinado" para crear unha zona verde e peonil aberta. Para conseguilo, máis alá da creación da área arborada e de uso para o lecer da poboación vanse restrinxir as áreas de circulación de vehículos.

Deste modo o plan municipal é que dende Santiago de Chile se poida circular cara á Avenida de Vilagarcía e mais cara á Rúa Nova de Abaixo, pero non no sentido desta última vía cara a Rosalía de Castro nin de Rosalía de Castro en dirección á Avenida de Vilagarcía.

Os obxectivos globais de todos estes futuros proxectos son, segundo explicou o edil de Urbanismo, «mellorar a calidade de vida das persoas e tamén contribuír á mellora da eficiencia enerxética», regulando entre outras cuestións o curso da auga grazas ao arborado e aos chans drenantes. A meta final é, como no conector central, «potenciar a multifuncionalidade do espazo público» dándolle preeminencia á presenza das persoas fronte ao tráfico de vehículos.

Panorámica do estado actual da Rúa Santiago de Chile

Panorámica do estado actual da Rúa Santiago de Chile / Antonio Hernández

En camiño a nova solicitude de zona residencial tensionada

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, tamén fixo referencia en rolda de prensa a novo envío da solicitude de zona de mercado residencial tensionado á Xunta de Galicia, concretamente ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

O edil explicou que vén de reunirse a mesa sectorial hai unha semana e que a nova documentación xa está enviada ao BOP (Boletín Oficial da Provincia) e publicada na web municipal. Dende o vindeiro luns 19 de xaneiro a proposta presentarase en exposición pública pero que as entidades poidan presentar as súas alegacións á solicitude e ao proxecto.

No caso de que se presenten alegacións, «haberá que estudalas e darlles resposta» e unha vez realizado este trámite a solicitude para a declaración de Santiago como mercado residencial de algueiro tensionado remitirase, por segunda vez, ao departamento de Vivenda da Xunta (administración sobre a que recaen as competencias nesta materia).

Conector central da cidade

Outro dos proxectos urbanísticos do goberno local que agora entra unha nova fase é a humanización do conector central da cidade, que une os barrios de San Clemente e San Lázaro cruzando a Virxe da Cerca. O proxecto, que pretende, entre outras cousas, que os vehículos «accedan pero non atravesen» liberando de tráfico esta arteria principal do centro urbano, concluíu o pasado día 9 de xaneiro a súa primeira fase: a de presentación de proposta.

O edil Lestegás non quixo adiantar nada sobre o resultado do concurso internacional de ideas para o conector, pero si valorou como «existosa» a cifra de propostas recibidas.

Tracking Pixel Contents