"Desde as rúas non se vai ver": catro sitios para non perderse a eclipse en Santiago
A localización será fundamental para gozar deste acontecemento astronómico, o primeiro en Galicia desde fai máis dun século
O fenómeno terá lugar este 12 de agosto ás 20.30 horas

Vista desde o Monte Pedroso, un dos lugares recomendados para ver a eclipse en Santiago. / CEDIDA
A eclipse total deste 12 de agosto xa é o fenómeno astronómico do século. Será ás 20.30 horas desa tarde cando a lúa cubra por completo o sol, producindo unha noite 'instantánea' por primeira vez desde hai 114 anos. Se ben o fenómeno poderá observarse na súa totalidade en varios puntos de España, Galicia contará cunha vista privilexiada dos astros desde primeira fila. "É o sitio onde mellor se verá, porque é onde o sol vai estar máis alto", explica o catedrático de Astronomía da USC, José Ángel Docobo, ao que xa lle están a preguntar polos mellores sitios onde ver a eclipse en Santiago.
E é que, como xa aconteceu noutras ocasións, A Coruña será unha das mellores provincias para gozar deste feito histórico. Iso si, en Compostela a eclipse será parcial debido a súa localización no mapa, o que quere dicir que a lúa non chegará a cubrir totalmente ao astro rei. Malia que a cobertura non sexa completa, o experto asegura que se trata dun fenómeno "precioso", polo que recomenda o seu avistamento a todos os interesados. O importante, di, é escoller ben desde onde observar o acontecemento para poder gozalo sen contratempos de última hora.
Os mellores lugares para ver a eclipse de 2026 en Santiago
Como o fenómeno terá lugar preto do solpor do verán, "haberá que ir a lugares altos" para ver o cruce dos astros na súa plenitude. En Santiago, os mellores puntos de observación da eclipse serán zonas que teñan a parte oeste despexada, aínda que haberá que confiar na sorte para que non haxa nubes que compliquen a visión.
Conta Docobo que, se ben as primeiras fases poderán visualizarse desde varios puntos, non será así no momento culminante do fenómeno, "cando o sol está a unha altura de 11 graos con respecto ao horizonte". "Iso non se vai ver desde as rúas, pero pode que se vexa desde algunhas casas elevadas", asegura o docente, que tamén exerce de coordinador científico no Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
Monte Pedroso
Para Docobo, os miradoiros do Monte Pedroso son unha das zonas recomendadas para ver a eclipse en Santiago. A súa elevación -máis de 400 metros sobre o nivel do mar- convírteno nunha das opcións máis populares entre os afeccionados á astronomía, que achéganse regularmente a gozar do ceo nocturno.
A caída da tarde, cando se producirá a eclipse, é un intre especialmente máxico para estar neste recuncho natural. "O solpor nesa época é sobre as 21.30 horas, despois da eclipse", explica o catedrático, que invita a alongar o tempo no miradoiro para desfrutar de paso dun dos atardeceres máis fermosos do municipio.
Monte Gaiás
Outro dos enclaves onde os santiagueses poderán ver a eclipse é no fogar da Cidade da Cultura. Ademais de contar con numerosas xoiais escultóricas e naturais, o Monte Gaiás é un miradoiro perfecto para realizar avistamentos astronómicos.

O Monte Gaiás, en Santiago / Jesús Prieto
A súa altitude e localización permítenlle ofrecer unha vista despexada do horizonte cara á zona oeste, na que haberá que fixarse para non perderse o espectáculo solar. Ademais, é o suficientemente amplo para acudir en grupo e pasar unha tarde entretida observando os astros.
Monte Viso
Dada a súa longa traxectoria no ámbito da astronomía, Docobo ten "bastantes invitacións" para ver a eclipse e aínda non sabe onde vai estar nesta data tan especial de agosto. Pero asegura que, se non fose así, o Monte Viso estaría entre as súas primeiras opcións.

Santiago de Compostela desde o Monte Viso / Oscar P. R.
Aínda que non é tan alto como o Gaiás, desde esta elevación natural contémplanse unhas das mellores perspectivas da cidade e da vexectación que a circunda. É importante chegar ata a cima para obter unha visión limpa do ceo, afastándose das arboradas dos seus sendeiros e ladeiras.
Miradoiro da Alameda
Unha alternativa moito máis céntrica onde ver a eclipse en Santiago é o miradoiro do parque da Alameda, coñecido como o Paseo da Ferradura. Ao estar na propia urbe, é un pouco máis complexo obter unha vista despexada, pero Docobo considera que "cara ao campus debe librar" e resulta moi axeitada para aqueles que teñan máis difícil desprazarse.

O Paseo da Ferradura, na Alameda de Santiago / Jesús Prieto
Moitos estarán dispostos a sacrificar ese chisco de visibilidade pola facilidade de chegar ata este recuncho do casco histórico. E tamén pola sinxeleza de retornar logo a casa, xa que é probable que os miradoiros principais estean máis masificados.
Sigüeiro e Ordes, alternativas para ver a eclipse preto de Santiago
Os que poidan saír da cidade para ver a eclipse total non terán que irse moi lonxe. O catedrático de Astronomía indica que "en Sigüeiro xa se poderá ver", aínda que "durará uns 10 segundos". "Unha cousa é que vexas a eclipse total e outra cousa é a duración da mesma. As eclipses totais só se ven nunha franxa moi estreita do horizonte, duns 200 quilómetros. Se estás no bordo, a eclipse é instantánea", explica.
A media hora de Compostela, en Ordes, xa se poderá gozar cun pouco máis de folgura, durante arredor de 40 segundos. Para alongar o espectáculo, os afeccionados á astronomía recomendan desprazarse ata A Coruña, onde o fenómeno durará 1 minuto e 14 segundos.
- Rodada en Santiago y ambientada en el Entroido gallego: así es la nueva película que llega a Prime Video
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Hasta cinco tapas gratis por consumición: la nueva cafetería que no querrás perderte en el corazón de Santiago
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Uno de los mejores panes de España se hace en Santiago: 'Un día normal aquí son 14 horas de trabajo