'Compostela é moito MICE': o goberno busca en Fitur captar turismo de congresos
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, aposta por poñer de relevancia o potencial de crecemento de Santiago neste sector

A edil Míriam Louzao presentou en Raxoi a nova campaña do Concello para Fitur 2026 / CONCELLO

O vindeiro 21 de xaneiro o goberno local asiste a Fitur (Feira Internacional de Turismo), en Madrid, cunha nova proposta de promoción da cidade para captar visitantes. Baixo o lema 'Compostela é moito MICE' a campaña 2026 vaise centrar no turismo de congresos, un lema que xoga co acrónimo inglés MICE que foneticamente soa "máis" e que se refire precisamente á promoción de eventos, reunións e congresos.
Ademais de proxectarse un audiovisual no que se destacan infraestruturas coma o Palacio de Congresos, a edil de Turismo, Míriam Louzao, matizou que tamén se inclúen nel “recursos turísticos propios do noso destino como poden ser a Alameda, o río Sarela ou alguna praza da cidade histórica, museos e mesmo espazos que dan idea desa conectividade de Santiago como o aeroporto de Rosalia de Castro ou a intermodal”.
Sen esquecer o proxecto do Bipartito de “cambio de modelo turístico”, a campaña de Fitur vai estar centrada “no obxectivo de que o mercado profesional identifique Compostela como un destino idóneo para o turismo de congresos”. A concelleira incidiu en a capital de Galicia “ten en turismo moito potencial de crecemento, e a relación de recusos cos que conta é de calidade”.
Conexións aéreas e prazas hoteleiras para acoller visitantes
Louzao indicou que a presentación na feira vai destacar recursos de aloxamento, que suman 5.500 prazas (das que 4.700 están en hoteis de máis de tres estrelas), e infraestruturas específicas para actividade congresual, que suman tamén unhas 5.000 prazas. Referíase neste caso a concelleira a espazos coma o Palacio de Congresos, a Cidade da Cultura, o Recinto Feiral de Amio ou o Multiusos Fontes de Sar, así coma edificios da USC, coma o Paraninfo, “un espazo con valor artístico e patrimonial extraordinario”.
En concreto a concelleira destacou as características técnicas do Palacio de Congresos e Exposicións, como se vai facer na presentación da campaña en Fitur. “Esta sala do palacio que levamos como imaxe principal ten unha capacidade para 1.580 persoas, con importantes recursos técnicos”. Neste punto puxo en valor o escenario, de 300 metros cadrados, unha pantalla de 15 por 6 metros e a potencia de 120.000 vatios.
Louzao destacou tamén “a boa localización” da infraestrutura, dotada nas súas proximidades “de practicamente todo o que se poida precisar: aparcadoiro, hoteis, boa conexión co aeroporto e coa intermodal ou locais de restauración”.
A titular de Turismo destacou tamén que o potencial de crecemento de Santiago no sector turístico “implica tanto mercados máis próximos coma mercados internacionais, que poden chegar grazas a esas conexións que teremos no aeroporto Rosalía de Castro”. Entre os aeródromos de referencia estarán Londres Heathrow con Vueling, Frankfurt con Lufthansa, Nova York con United Airlines ou Amsterdam con KLM.
Aposta pola desestacionalización e sostibilidade
A concelleira Míriam Louzao lembrou que o goberno de Goretti Sanmartín mantén a súa aposta por mudar o modelo turístico da capital galega. “Un turismo que achega valor engadido e fomenta a desestacionalización”, aclarou, sempre na procura dese modelo sostible “integrador da vida cotiá da veciñanza e os fluxos turísticos”.
Baixo o lema deste ano, 'Compostela é moito MICE', o departamento de Turismo quere tamén “ampliar a mirada sobre o noso destino, para que o circuíto profesional traballe con opcións que van moito máis alá da Catedral e da zona histórica”.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a evacuar el edificio: "Se originó en la azotea"
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles
- La CIG convoca asambleas para decidir cuándo reiniciar la huelga de autobuses en Santiago
- Las listas de espera de los talleres de coches en Santiago: 'Ahora mismo estamos desbordados
- La CIG espera cita con la patronal: si no hay acuerdo el lunes se reactiva la huelga de buses indefinida en Santiago
- Los trabajadores votan este miércoles si desconvocan la huelga de buses en Santiago