Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Na procura de municipalizar o servizo

Tres meses sen cobrar: os traballadores dos CSC inician unha recollida de sinaturas

Logo de volver quedar tres meses sen recibir o pagamento da correspondente nómina o cadro de persoal mobilízase para conseguir o apoio da Corporación

A recollida de sinaturas en apoio aos traballadores dos CSC faise nos propios centros socioculturais

A recollida de sinaturas en apoio aos traballadores dos CSC faise nos propios centros socioculturais / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O cadro de persoal dos centros socioculturais (CSC) pasou o Nadal asumindo novos impagos das súas nóminas. Dende o outono de 2024 os traballadores que dependen da principal concesionaria do servizo, Serviplus, padeceron máis dunha débeda nas súas nóminas, unha cuestión que foi obxecto da crítica da oposición no Pazo de Raxoi, que lle afeaba ao goberno local que non fose suficientemente "dilixente" no control da concesionaria. O último impago afecta os últimos tres meses e agora, o cadro de persoal inicia unha recollida de sinaturas no seu apoio, na procura dun estudo previo da posibilidade de municipalizar o servizo.

A recollida de sinaturas iniciouse, nos porpios CSC, o 15 de xaneiro, a previsión é continuar con ela cando menos unha semana. Os traballadores non teñen que reunir un número mínimo de sinaturas, pois non se trata dunha ILP (iniciativa lexislativa popular) senón dunha petición con apoio da cidadanía, nomeadamente usuarios dos CSC, que se poñerá por rexistro no concello para os grupos da Corporación local valoren a elaboración dese estudo previo para a municipalización.

Miguel de la Peña, membro do cadro de persoal, explica en conversa con EL CORREO GALLEGO que "non sabemos cando cobraremos" e aclara que se conseguir que se lles aboen as nóminas depende cada vez de acudir ao Xulgado do social "podemos tardar un ano en cobrar". Unhas demoras, as que xa están a vivir, que provocaron en parte do cadro de persoal situacións de ansiedade, derivados desa falta de ingresos para asumiren os seus gastos, e as conseguintes baixas médicas.

"Buscamos que o Concello se implique directamente para que poidamos cobrar, porque estar estamos a traballar", recalca De la Peña, e reivindica que se poida pensar na municipalización (se a lexislación o permite) "porque prestamos un servizo que tamén ten contido social". De la Peña non dubida en poñer sobre a mesa que o labor dos traballadores e monitores dos CSC vai máis alá do cultural e afecta ao social, lembrando o deterioro cognitivo que pode supoñer para as persoas maiores a falta de actividade, e tamén para os máis cativos e a consecuencia das dificultades de conciliación nos fogares.

Neste sentido, hai semanas que os usuarios dos CSC tamén fixeron públicas as súas protestas ao non poderen realizaren as actividades por falta de monitores nos centros. A solución que agora se busca a través da recollida de sinaturas para promover un estudo previo das opcións de municipalización do servizo tamén "evitaría" para o cadro de persoal "verse na situación de que unha empresa en quebra non poida asumir os pagamentos das nóminas", lembra De la Peña.

O estudo desta municipalización deberá conter un balance económico e social da actividade, así coma unha avaliación da calidade do servizo que se presta e deberá someterse, no caso de realizarse á aprobación do pleno.

Febreiro, mes da licitación de parte do servizo

A finais de 2025 licitouse unha parte do servizo de CSC, concretamente a que corresponde a mediación e dinamización sociocultural. Un concurso cuxa previsión é que se resolva no mes de febreiro, mais tampouco achega moita esperanza ao cadro de persoal de Serviplus nos centros. "Levamos moito agardando a que se resolva, dixeron que a mediados de xaneiro, pero se a nova empresa entra en febreiro cobraremos en función de cando chegue", explica Miguel de la Peña, poñendo o foco no tempo (tres nóminas) que xa levan sen cobrar.

Tracking Pixel Contents