Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As dúbidas da oposición, en bloque, frean a xestión mixta do ciclo da auga

A comisión de estudo volverá reunirse na procura de levar a pleno unha proposta que poida saír aprobada

Depósito de auga no lugar de Vilares, en Santiago

Depósito de auga no lugar de Vilares, en Santiago / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Este venres reuníase a Comisión especial para analizar a xestión do ciclo integral da auga, un dos contratos de maior demora no Concello de Santiago, para o que o goberno local actual propón unha xestión mixta. Modelo que non satisfai as dúbidas da oposición no Pazo de Raxoi, pois consideran á vista da aplicación deste modelo noutras cidades que «pode ser longo, traumático e quizais non a mellor forma de xestión», explicaba a EL CORREO GALLEGO o edil do PP José Antonio Constenla.

O goberno local lembra que «o 31 de outubro se presentou na comisión a diagnose da Cátedra da Auga da Universidade da Coruña», pero os grupos da oposición consideran que dito estudo «non di en ningún momento» que o mellor modelo de xestión sexa o mixto. Á vista do debate e de que a oposición manifestou «que para decidir o seu voto necesitan aclarar dúbidas», segundo fontes de Raxoi a comisión acordou «que os servizos internos responderán nunha vindeira reunión a esta nova petición». Unha comisión que se reunirá en breve para «pechar os traballos antes de levar unha proposta ao pleno».

Na defensa do seu posicionamento, o concelleiro José Antonio Constenla recalcou a coincidencia nas dúbidas sobre o proxecto presentado, que compartían PP, PSOE e as concelleiras non adscritas, e recalcou que unha decisión coma a da xestión da auga, «que vai afectar a varias lexislaturas» non se pode tomar «por cuestións ideolóxicas nin de urxencia».

A edil non adscrita Mila Castro recalcaba tamén na súa comunicación á prensa «as incongruencias» que aprezaron entre o estudo encargado por Compostela Aberta (socia da coalición bipartita actual) en xuño do 2019 e o realizado agora por encargo do goberno local. «O primeiro –informe– non concluía ningunha fórmula con rotundidade, mais si que descartaba a empresa mixta que agora propón o executivo de Sanmartín». Castro poñía neste punto o foco en que «o novo documento di que non existen argumentos obxectivos para asumir a superioridade dalgunha fórmula de xestión sobre outra».

A concelleira non adscrita lembrou que o informe de 2019 sinalaba «textualmente na súa páxina 28 que a empresa mixta decaía como opción real, sustentándoo en tres motivos: a asunción do risco operacional por parte da concesionaria, a duración curta das concesións e a pouca participación real do Concello».

Dende o PP insistían en sinalar que a xestión mixta supuxo en localidades coma Ferrol que o Concello «tivese que ir asumindo cada vez máis parte da xestión, até chegar ao 93% da mesma», co gasto que isto implica ao municipio. Dende o PSOE, o voceiro Sindo Guinarte reaafirmou o posicionamento da formación no xa anunciado días atrás. «É necesario contar con máis informes económicos e técnicos» requirindo confirmar se a empresa mixta «é viable e posible e que repercusións tería», ademais de saber canto tempo tardaría en poder implementarse, á vista dun sistema que está claramente obsoleto e que aínda parece lonxe de ter unha solución.

Tracking Pixel Contents