Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Así soa a nova versión do clásico 'Pola rúa de San Pedro': "É un recoñecemento aos que traballan por manter vivo o barrio"

Uxía, Mondra e Malvela, con produción de Budiño, reinterpretan a canción que compuxo Magín Blanco para o grupo de cantareiras, que axiña se converteu nun himno popular

O videoclip, rodado na rúa de San Pedro, rende homenaxe non só á música e cultura galegas, senón tamén ao simbolismo e identidade do propio barrio compostelán

Fotograma do videoclip de "Pola rúa de San Pedro"

Fotograma do videoclip de "Pola rúa de San Pedro" / CEDIDA

Lucía Martínez

Lucía Martínez

Santiago

"Non é só unha actualización estética, senón a celebración dunha canción que naceu para o pobo e que hoxe segue viva". Con estas palabras resume Uxía, unha das artistas, a nova versión do clásico "Pola rúa de San Pedro", convertido en todo un himno galego.

Composta por Magín Blanco para Malvela aló polo 2011, a canción volve agora cobrar vida na reinterpretación que veñen de publicar Uxía, Mondra e máis o grupo de cantareiras. Coa produción de Budiño, tradición e novas estéticas musicais danse a man.

Unha homenaxe ao barrio

O videoclip, rodado na rúa de San Pedro, rende homenaxe non só á música e cultura galegas, senón tamén ao simbolismo e identidade do propio barrio compostelán.

Máis aló de ser porta de entrada á cidade, San Pedro é sinónimo de comunidade, lugar de acollida, de resistencia comunitaria, de berce e de refuxio da comunidade LGBTIAQ+; entre outras cousas.

Outro fotograma do videoclip

Outro fotograma do videoclip / Cedida

Todo iso ponse de manifesto no vídeo que busca recoñecer precisamente "a todos os que traballan por manter vivo o barrio", explica Uxía, para engadir que a música "contribúe moito a iso".

O videoclip parte dun encontro entre Uxía e Mondra, ao que se van sumando veciños, comerciantes do barrio e músicos, namentres eles van camiñando pola rúa, nunha maneira que amosa perfectamente "toda esa xente que traballa polo barrio".

Relevo xeracional e defensa da cultura

De entre todos os participantes, Uxía destaca a participación de Daniela de Miguel que, con só oito anos, é a última incorporación de Malvela, grupo no que a súa tataravoa tamén formou parte.

Un feito que constata o relevo xeracional tan presente no clip, no que conviven distintas xeracións unidas polo sentimento de manter vivo e defender "a cultura e a lingua galegas".

Publicado o pasado venres en YouTube, o vídeo acumula máis de 10.000 visualizacións. "Foi unha sorpresa, está tendo moito impacto", confesa a este respecto Uxía.

'Pola rúa de San Pedro' é, en definitiva, un canto e unha reivindicación ao barrio como espazo de comunidade.

Créditos e equipo

  • Letra e música: Magín Blanco
  • Produción: Budiño
  • Gravación: Ardora Estudios, Casa de Tolos
  • Enxeñaría de son: Segundo Grandío (Casa de Tolos)
  • Mestura: Budiño (Ardora Estudios)
  • Máster: Arturo Vaquero (Abrigueiro Estudios)
  • Voces: Uxía, Mondra, Malvela (Paca Adega, Teresa Álvarez, Paz Morais, Áurea Lorenzo, Carmiña Álvarez, Lina Sío, Fita Senlle, Chola Amoedo, Daniela De Miguel, Ana Senlle, Rosa Martínez, Raquel Valcarce, Merchi Pazos)
  • Bombo e voz: Javier Figueroa
  • Gaita e voz: Toño Prieto
  • Acordeón e voz: Sabela Dacal
  • Guitarras e voz: Rafa Otero
  • Tambor e voz: Anxo Pardo

Coa colaboración especial da veciñanza do barrio de San Pedro

Tracking Pixel Contents