Crujeiras pídelle a alcaldesa de Santiago accións conxuntas para conservar o Campus Sur
A candidata a reitora reuniuse con Goretti Sanmartín

Crujeiras pídelle a alcaldesa de Santiago accións conxuntas para conservar o Campus Sur / CEDIDA
A catedrática en Matemáticas e candidata a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, mantivo hoxe un encontro de traballo coa alcaldesa, Goretti Sanmartín, no que trasladou a súa proposta para reforzar e institucionalizar a colaboración estratéxica entre a universidade e a cidade. O diálogo centrouse no papel da USC como axente esencial e activo no proxecto de cidade, comprometido co seu desenvolvemento integral. Crujeiras puxo de manifesto a necesidade de realizar accións conxuntas de cara ao mantemento do Campus Sur.
A profesora de Matemáticas protagonizou o segundo encontro coa alcaldesa, que o luns xa se reunira con Alba Nogueira. Ao longo desta semana están previstas citas coas outras duas candidatas a sustituir a Antonio López, Maite Flores e María José López Couso.
Crujeiras trasladou á alcaldesa a súa vontade de reforzar o papel institucional da USC nos espazos de gobernanza e diálogo da cidade, asumindo un rol activo na definición das políticas urbanas, patrimoniais, sociais e culturais, e contribuíndo desde o coñecemento e a reflexión académica aos grandes debates sobre o futuro de Santiago. "Pola súa banda, a alcaldesa salientou a importancia de contar cunha universidade comprometida coa cidade e co país, que participe activamente na construción dun modelo urbano sostible, inclusivo e con identidade propia", informou o equipo de Crujeiras nunha nota de prensa.
Diversificación productiva
No ámbito do desenvolvemento económico e da innovación, abordouse o papel da USC como motor de diversificación das bases produtivas de Santiago, a través da transferencia de coñecemento, da aprendizaxe permanente e da xeración de emprego cualificado. Neste contexto, a candidata expuxo a proposta de impulsar un estudo rigoroso e periódico do impacto económico da USC na cidade, que permita cuantificar a súa contribución ao emprego, á actividade económica e ao desenvolvemento local, e reforzar o recoñecemento da universidade como axente estratéxico da economía compostelá.
O papel dos campus
A xuntanza permitiu tamén tratar cuestións relacionadas coa integración dos campus universitarios na planificación urbana e patrimonial. Destacouse especialmente o valor do Campus Sur como parte esencial do patrimonio histórico e paisaxístico de Santiago, así como a necesidade de promover actuacións conxuntas para a súa conservación, cualificación e apertura á cidadanía, en coordinación co Consorcio de Santiago e o Real Padroado. Neste marco, puxéronse en común propostas para favorecer o uso dos espazos universitarios como lugares de convivencia, cultura e vida comunitaria.
En materia de cohesión social, inclusión e vivenda, ambas partes coincidiron na importancia de desenvolver programas conxuntos que dean resposta a retos compartidos, como o acceso á vivenda do estudantado, o envellecemento da poboación ou o fortalecemento do tecido comunitario, mediante iniciativas de convivencia interxeracional, voluntariado universitario e proxectos de aprendizaxe-servizo con enfoque social.
O encontro permitiu avanzar na coordinación de políticas ambientais e de mobilidade sustentable, entendendo cidade e universidade como un sistema interdependente para reducir emisións e promover unha economía circular e a adaptación climática. Así mesmo, destacouse a necesidade de reforzar a presenza cultural e científica da USC para contribuír a unha Compostela coñecedora, viva e con memoria, alén do consumo, fortalecendo a identidade compartida como clave para o futuro de Santiago.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles