Santiago
Avanza o novo contrato dos centros socioculturais: Raxoi reterá pagos á empresa actual polas débedas co persoal
O Concello adxudica o lote principal do servizo, o de dinamización e mediación sociocultural, a Eulen por un importe de case dous millóns de euros

Centro sociocultural de Conxo, en Santiago / Jesús Prieto

O Concello de Santiago anunciou este mércores a adxudicación por case dous millóns de euros dun dos tres lotes no que se divide o novo contrato de centros socioculturais. A empresa Eulen farase cargo deste lote, correspondente á dinamización e mediación sociocultural. Trátase da parte principal do servizo xa que copa a maior parte do orzamento, o número máis alto de horas e a maior cantidade de persoal.
En concreto, Raxoi especifica que se prestarán 39.000 horas de servizo ao ano, distribuidas en programas e actividades relacionados coas temáticas de xogo e ocio, clubs de tempo libre, actividades ordinarias vinculadas á cultura e arte, memoria e patrimonio, natureza e sustentabilidade, e benestar e saúde; dinamización dixital e novas tecnoloxías, e actividades estacionais vinculadas a datas como o verán, o Nadal ou o Entroido. Ademais, os pregos establecen unha bolsa de 3.500 horas anuais para actividades non regulares, que serán de obrigado cumprimento.
O Concello sinala que nas próximas semanas resolveranse tamén as adxudicacións dos outros dous lotes nos que se dividiu a licitación da xestión dos CSC, os de atención e información ao público e xestión da biblioteca pública José Saramago. En total, o Concello destina a este contrato para os próximos dous anos un orzamento de 3.398.323,72 euros, un 24 % máis que en 2021 (2.575.513 euros). O presuposto anual do servizo queda en 1.669.161,86 euros, 381.000 euros máis que na actualidade.
Retención de pagos
Mentres se ultima este procedemento, o concelleiro titular desta área, Xan Duro, indicou que «seguimos traballando intensamente na procura de solucións para as persoas traballadoras afectadas no atraso do pago das súas nóminas». Serviplus, a empresa responsable actualmente dos servizos de animación e novas tecnoloxías, está realizando estas funcións mediante unha orde de continuidade decretada por Raxoi. A entidade vén arrastrando atrasos nos pagos ao persoal desde o outono de 2024. En varias ocasión ao longo do ano pasado manifestou a súa intención de abandonar, aínda que finalmente non deu ese paso. Na actualidade, leva sen abonar os salarios desde o mes de outubro, unha situación que levou os traballadores a iniciar unha recollida de sinaturas na procura de municipalizar o servizo.
Neste contexto, Duro anunciou que o Goberno local enviou a semana pasada un requirimento á empresa solicitando que acredite o pago das nóminas mediante os recibos dos salarios e os xustificantes de pagamento bancario. Unha vez acreditada a situación de impago das nóminas correspondentes aos meses de outubro, novembro e decembro do 2025, o Concello asegura que procederá á «retención das cantidades adebedadas á empresa para garantir o pago dos citados salarios». Do mesmo xeito, Raxoi indica que este proceso repetirase coas nóminas de xaneiro e os días correspondentes de febreiro, no suposto caso de que continúe a situación de impago. A previsión é que a partir de marzo o servizo xa dependa das novas adxudicatarias.
- Rodada en Santiago y ambientada en el Entroido gallego: así es la nueva película que llega a Prime Video
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Hasta cinco tapas gratis por consumición: la nueva cafetería que no querrás perderte en el corazón de Santiago
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Uno de los mejores panes de España se hace en Santiago: 'Un día normal aquí son 14 horas de trabajo