Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

ELECCIÓNS AO REITORADO DA USC

Capital humano, financiamento e vivenda: prioridades das candidatas a dirixir a USC

As catro mulleres que loitan por sustituír a Antonio López dan a coñecer as súas propostas

Crujeiras, á esquerda, López Couso, Susana López, como moderadora, Nogueira e Flores, durante o debate con EL CORREO GALLEGO no Gran Hotel Los Abetos.

Crujeiras, á esquerda, López Couso, Susana López, como moderadora, Nogueira e Flores, durante o debate con EL CORREO GALLEGO no Gran Hotel Los Abetos. / Jesús Prieto

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

A Universidade de Santiago (USC) elixe o vindeiro 12 de febreiro, en primeira volta, e o 12 de marzo, no caso de ser precisa unha segunda, quen será a primeira reitora nos seus 530 anos de historia. Catro mulleres catedráticas aspiran a suceder a Antonio López á fronte da institución académica. Elas son María José López Couso, de Filoloxía Inglesa, Rosa Crujeiras, de Matemáticas, Maite Flores, de Física e Alba Nogueira, de Dereito Administrativo. As catro atenden ao convite que lles fai EL CORREO GALLEGO para explicar as sús principais propostas para a USC.

Capital humano da USC

Nun primeiro bloque sobre o capital humano da Universidade, as catro candidatas ao Reitorado puxeron o foco na súa preocupación por facer máis partícipes ao estudantado e por motivar ao PDI (persoal docente e investigador) e PTXAS (persoal técnico, de xestión e de administración e servizos) poñendo o foco en como afrontar a remuda xeracional. «A USC só pode avanzar se coida da súa xente», con esa declaración arrancou a súa intervención López Couso, quen dende a súa candidatura defende «unha USC que integre, que acompañe e que recoñeza o traballo de todas as persoas que no día a día a fan posible». Para facer fronte ás dificultades na incorporación do persoal cando chega á Universidade aposta por un plan de incorporación para o PDI e para o PTXAS con formación práctica en procesos e ferramentas e cun programa de acompañamento.

En referencia ao PDI, Maite Flores busca apoiar e impulsar este colectivo. «Desenvolveremos unha política de capital humano para valorizar as carreiras do profesorado permanente. Hai que defender a súa estabilidade e promoción», apostou a catedrática de Física quen tamén mencionou a necesaria planificación para atallar o relevo xeracional. Na súa intervención tamén puxo o foco na demanda do estudantado de participar «máis activamente» dentro da comunidade, polo que aposta por facilitar «os medios de comunicación e diálogo» precisos.

«Anticiparse ao que vai a vir», así afrontará Crujeiras o reto das xubilacións dos vindeiros anos no caso de convertirse en reitora, tendo en conta que existen áreas nas que é difícil captar persoal. O seguinte paso para ela sería ofrecer acompañamento integral aos axudantes doutores «para que sexan capaces de promocionar». Tamén ve preciso analizar os perfís profesionais para o futuro para facer fronte ao relevo, «negociando novos modelos de selección». Un aspecto que integrará nun Plan de recursos humanos.

Pola súa banda, Alba Nogueira destacou o papel investigador da USC asegurando que «Santiago non estaría producindo o 50 % da investigación que se fai en Galicia se non tivera ese capital humano traballando duramente». Erradicar a «precariedade» da Universidade é un obxetivos da candidatura da catedrática de Dereito Administrativo. «Non pode haber profesores que cobran 700 euros por dar as clases que da calquera profesor a tempo completo», comentou. A isto súmase a importancia de alixeirar a carga de traballo. Dentro do PTXAS, Nogueira asegura ter recibido queixas de «persoas saturadas» nuns servizos que están «infradotados» para unha universidade moderna.

Titulacións e internacionalización

Un mapa de titulacións adaptado á nova realidade para competir co auxe das universidades privadas, sendo a internacionalización un aspecto clave para seguir medrando. Son cuestións sobre as que concordaron as candidatas no segundo bloque do debate.

Para logralo Flores aposta por titulacións «en continua actualización», o que non significa para ela «ter máis, senón de maior calidade». A internacionalización é para ela a maneira que ten a Universidade de «medrar» e compararse co resto. Como proposta neste ámbitou falou dun programa anual de invitados científicos potenciado a marca ‘USC Global.

Co obxectivo de flexibilizar a acreditación dos títulos e acomodarse á oferta cambiante Nogueira ve preciso falar co SUG (Sistema Universitario de Galicia). Tamén deberíase establecer contacto coa Xunta quen debe «flexibilizar os períodos de matrícula» para competir casas universidades da contorna. Con respecto á cuestión da internacionalización, segundo Nogueira, «a Universidade ten que decidir estratexicamente onde ten que colocar as súas apostas».

Crujeiras tamén entrou na necesidade de flexibilizar a verificación e os procesos de seguimendo dos títulos, ao que engadiu a importancia de «responder ás demandas sociais e ás nosas capacidades como xeradores de coñecemento». A catedrática de Matemáticas falou da importancia de ter unha carta actualizada de titulacións e nese senso aposta por titulacións internacionais en colaboración con outras universidades «que nos axuden a posicionarmos no panorama europeo e no panorama internacional».

Para López Couso «unha universidade relevante é unha universidade que se actualiza» polo que fala dunha revisión continua da oferta de graos, mestrados e doutoramentos para «adaptalos ás novas necesidades». Un aspecto sobre o que para a catedrática «non quita» que se propoñan novas titulacións. No tema da axilidade e flexibilidade na realización de modificacións dos títulos existentes e de propostas de novas titulacións, Couso recordou que se trata dun procedemento que implica a varias institucións e axentes e «non só a SUG».

División de opinións sobre o futuro de Medicina: «A USC non pode perder»

O acordo de descentralización de Medicina deu este martes un novo paso ao constituírse a comisión de seguimento encargada do deu desenvolvemento, con dous grupos de traballo en materia xurídica e económica. Nun prazo de catro anos académicos quedará descentralizada toda a docencia de Medicina nos tres últimos cursos nas tres universidades públicas de Galicia.

Sobre se o acordo debilita a Facultade de Medicina da Universidade de Santiago ou se polo contrario pode saír favorecida, fixeron unha valoración cada unha das candidatas ao Reitorado, as cales anunciaron que contarán cunha persoa no seu equipo encargada de abordar en detalle o proceso.

«AXunta e o SUG sorprenderon cunha solución para un problema enquistado dende hai moito tempo. Un convenio asinado na época de Juan Viaño que non se desenvolveu», asegurou Maite Flores, unha idea respaldada polas outras candidatas que se dirixiron a Crujeiras ao formar parte do equipo reitoral naquel momento.

Nun primeiro momento Flores non entendeu que se abrira o título se na segregación de universidades «tiñamos claro quen iba a levar cada unha das titulacións». Agora, cun escenario diferente, cre que a USC«ten que ser quen de non perder».

Pola súa banda, López Couso opina que o acordo «non debilita» á institución compostelá senón que «pode fortalecela». Sendo consciente de que pode non ser o «mellor» acordo posible ve que si garante a estabilidade dos estudos de Medicina en Galicia «no marco dunha educación superior pública e de calidade e con mecanismos sólidos de coordinación, de seguimento e de gobernanza».

Desta maneira, Couso ve que non supón perda de liderado por parte da USC «porque vai ser a súa faculdade a que manteña a responsabilidade última do grao».

Pensando nas outras dúas universidades, Nogueira agarda que non haxa «deslealdade» e considera asimesmo que o acordo vai requerir «moito» apoio ao ver que será complexa a coordinación dun título levado a varios hospitais.

Para que todo vaia adiante aposta por que a Xunta acompañe economicamente o«gran esforzo» que fai ter que facer a Facultade de Medicina de Santiago. En calquera caso confía en que é unha facultade que está en posición de competir «plenamente» no mapa dos estudos de Medicina.

Rosa Crujeiras é a candidata que se mostra menos optimista co acordo, no cal ve que se sitúa as trés universidades no mesmo plano. «Non debe ser así porque aquí a que pon o título enriba da mesa é a Universidade de Santiago de Compostela», manifestou.

Además, veo de «moi difícil cumprimento», obrigando á USCa modificar un título «sen garantías» que vai acontecer no 2029, xa que a Universidade de A Coruña e a Universidade de Vigo poderían solicitar o título de Medicina. «A facultade é suficientemente capaz para ter unha oferta de calidade de Medicina e vaino seguir facendo pero penso que se debilita o sistema investigador en si», concluíu.

Rosa Crujeiras, María José López Couso, Maite Flores e Alba Nogueira loitan por convertirse na primeira reitora da Universidade de Santiago.

Rosa Crujeiras, María José López Couso, Maite Flores e Alba Nogueira loitan por convertirse na primeira reitora da Universidade de Santiago. / Jesús Prieto

Financiamento e xestión

O Plan galego de financiamento universitario para o periodo 2027-2031, mellorar a capacidade de captar cartos e garantir que a xestión e infraestruras se axusten aos estándares de calidade son aspectos analizados no apartado de financiamento e xestión.

Contar con recursos económicos suficientes xestionados de «forma responsable» e planificados a medio e longo prazo. Esa é a premisa de Crujeiras quen ve que non é suficiente «o que se nos achega dende o plan de financiamento para cubrir o gasto estrutural da universidade». De aí que unha das súas primeiras accións neste ámbito sexa o de reivindicar o mandato da LOSU en referencia a que establece que polo menos o 1 % do PIB debe destinarse a educación universitaria. Crujeiras percibe que se debe dotar a nosa institución dun modelo de gobernanza do dato «que nos permita ter datos de calidade e seguros para basear neles a nosas tomas de decisións».

Con ese último apunte coincide Flores que ademais de introducir a gobernanza do dato a USC ten que facer unha transformación dixital «integral e planificada» e facer un plan de optimización de procesos administrativos. Na candidatura da catedrática de Física traballan nunha auditoría interna para a análise de contas da USC para a posteriori desenvolver o Plan Estratéxico 2026-2036, «con indicadores que van ser revisados cada pouco tempo para saber como estamos e mellorar». Volvendo ao futuro plan galego de financiamento, Nogueira considera que debe dárselle cabida ao mantemento dos edificios históricos que ten a cidade. «Para a Universidade de Santiago aliviaría moito unha parte dos recursos que temos que meter de infraestruturas para o mantemento de Historia, Medicina ou incluso as residencias dos campus», exemplificou. Con todo o primeiro obxectivo do seu mandato será «facer máis fácil traballar na USC».

Por último, López Couso abogou por un financiamento «estable e plurianual» que teremos que negociar coa Xunta, un aporte económico financiero «suficiente» para garantir un funcionamento «correcto» da universidade.

Xa a nivel máis interno aspira a que calquera decisión estrutural que se tome a nivel de infraestructuras, de servizos ou a nivel de posta en marcha de novas titulacións, teña presente unha avaliación do seu impacto económico e unha análise previa das necesidades e do rendemento futuro.

Na liña de simplificación de trámites, tamén traballa a catedrática de Filoloxía Inglesa co fin de lograr «unha Universidade que faga a vida máis fácil a todos».

Vivenda e cidade

As candidatas ao Reitorado da USC abordan o problema da vivenda en Santiago como a principal preocupación da cidadanía e do estudantado e persoal da institución académica, coa escaseza de alugueiros e prezos elevados.

Nogueira esixiu que no seu día que nas liñas de orzamento «se priorizara» a reapertura da residencia San Clemente, a cal sigue pechada. Puxo o foco así na «insuficiencia» das prazas en residencias, o que deriva en que «haxa estudantes que buscan outros lugares porque o aloxamento na cidade está excesivamente caro».

López Couso recordou que a vivenda «non é un problema novo» e a crise habitacional afecta tanto a estudantes como a PDI e PTXAS. Con todo referiuse á USC como unha das universidades do estado español con maior oferta de prazas en residencias universitarias. Con iso, aspira a mellorar as condicións dese sistema, avanzar nun plan estable de infraestruturas e rematar coas obras en San Clemente en canto se dispoña do financiamento preciso.

Ademais da reapertura da residencia de San Clemente, Crujeiras destaca o «necesario» mantemento doutras residencias como Monte da Condesa. Sen embargo para solucionar a problemática apela á colaboración co Concello e coa Xunta apostando por programas de convivencia interxeneracional e de participación comunitaria».

Sobre esa colaboración tamén falou Flores ao ver que o problema da vivenda «temos que traballalo conxuntamente coas outras administracións» sendo consciente de que non son só fórmulas de solución «para mañá».

Asimesmo, no último bloque do debate as candidatas analizaron como reforzar a relación entre a USC e a cidade. Flores puxo o foco no sector hostaleiro fomentando as prácticas no Centro Superior de Hostalaría e así «vender a nosa marca». Sobre a oferta cultural anunciou que está a traballar na rehabilitación do Auditorio da USC no Campus Sur. Co fin de avanzar, segundo López Couso, «a USC non pode ser un espazo pechado, hai que crear unha relación bidireccional con espazos compartidos e establecer estruturas de colaboración co Concello, tecido productivo e comunidades educativas».

Asimesmo, Nogueira comentou a necesidade de traballar no estado dos campus e na sinaléctica. «Cando entras en Santiago non hai ningunha indicación referente a un espazo da USC», comentou. E Crujeiras, apostou tamén por reforzar a idea de que Santiago é cidade universitaria. «Facemos cidade, con talento e ofrecemos emprego de calidade», concluíu.

Minutos de ouro

Tras abordar os catro bloques temáticos do debate as catro candidatas a reitora tiveron medio minuto para facer unha conclusión. «Son moitos os desafíos que imos afrontar nos próximos anos. Temos que mellorar a docencia, dotarnos dunha nova organización e apoiar o desenvolvemento das persoas que estudan e traballan con nós», dixo Crujeiras.

López Couso incidiu en que a súa proposta busca «unha USC que coide do seu persoal, que ofreza condicións para atraer e reter talento; unha USC que actualiza oferta formativa e se abre ao mundo con ambición e cun modelo económico estable e capaz de responder aos retos futuros».

Nas eleccións do vindeiro 12 de febreiro haberá, en palabras de Nogueira, unha elección «entre o continuismo ou a renovación». A catedrática puxo en valor «un equipo de xente que traballa dende abaixo con medidas claras para facer un programa de goberno que cambie a Universidade».

Xa para rematar, Maite Flores optou por poñer en valor «unha Universidade que me deu tanto e que agora me pide que dea ese paso adiante para afrontar un momento complexo».

Tracking Pixel Contents