Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entre Sar e Sarela

A oposición de Santiago critica a «incapacidade» do Bipartito pola perda de fondos europeos

Parte da axuda do proxecto Entre Sar e Sarela non chegará ás arcas municipais por exceder o prazo para executar as obras

Obras na rúa Amor Ruibal, no barrio de Pontepedriña

Obras na rúa Amor Ruibal, no barrio de Pontepedriña / Antonio Hernández

Manu López

Manu López

Santiago

Os grupos da oposición de Santiago cargaron onte contra a «incapacidade» do goberno local ante a previsible perda de parte dos fondos europeos captados para o proxecto Entre Sar e Sarela. As condicións da axuda marcan que as obras debían terse rematado antes do 31 de decembro de 2025 e, sobrepasada esa data, dúas das cinco principais actuacións non finalizaron: a de Pontepedriña está aínda en execución e a correspondente á lagoa do Auditorio e o río Corgo non se adxudicou. A subvención conseguida é de 3,6 millóns, pero polo momento, está por determinar a cantidade que o Concello deixará de percibir, xa que dependerá dos traballos que poida xustificar.

Otero denuncia o «desleixo» do goberno

Neste escenario, a concelleira do Partido Popular, Olaya Otero, sinalou que «a incapacidade de BNG e Compostela Aberta volve facer que Santiago perda fondos Next Generation». Otero incidiu en que «despois de ter perdido 2 millóns de euros destinados á Praza de Abastos, o desleixo dos nacionalistas suporá agora que os veciños teñan que financiar cos seus impostos» as obras pendentes.

A representante do PP esixiu «transparencia e explicacións» sobre as causas, así como «cal será o importe dos fondos propios necesarios para rematar o proxecto». Otero concluíu que «esta é só unha mostra máis de que con Goretti Sanmartín todo funciona peor» e proclamou que a veciñanza «non ten por que pagar as consecuencias da incompetencia deste goberno».

Castro afea que Raxoi «deu por feito» que chegaría a tempo

Tamén reclamou explicacións do goberno local a concelleira non adscrita Mila Castro, apelando ao caso da Praza de Abastos ao destacar que «se a perda de fondos europeos é certa, estaríamos ante a segunda subvención que o goberno local perde por non ser quen de executar».

Castro estimou que «deberán asumir as responsabilidades necesarias» por este «desleixo», xa que «nas moitas veces que preguntamos por esta cuestión, sempre se nos quixo transmitir unha imaxe de tranquilidade, dando por feito que ían chegar a executar todo o proxecto».

Abal censura a «opacidade» do Bipartito

A concelleira do PSOE, Marta Abal, expresouse en termos semellantes ao denunciar «a política de opacidade que está a manter o Goberno de Goretti Sanmartín en relación aos fondos europeos». Así, considerou que o Bipartito «está a ocultar a magnitude real dunha parálise que obrigará ao Concello a pagar con fondos propios os investimentos que os socialistas deixaran financiados».

Abal tamén fixo referencia aos fondos perdidos da Praza de Abastos e apuntou que «aínda que moitas veces afirmamos viven da herdanza recibida, a súa incapacidade na xestión nin tan sequera lles permite sacar todos os réditos posibles da mesma», en alusión ao mandato socialista anterior con Xosé Sánchez Bugallo como alcalde.

Tracking Pixel Contents