O último día do centro social Escárnio e Maldizer: «Este desaloxo non é o final do movemento okupa en Compostela»
A ocupación do inmoble da Algalia de Arriba chega á súa fin por orde xudicial, en resposta: unha concentración na praza de Cervantes

As 9.15 está previsto o desaloxo do local social que ocupa o 11 da Algalia de Arriba / Jesús Prieto

Unha orde xudicial contra a que non cabe máis recurso pon fin ao período de ‘okupación’ máis longo do inmoble situado no número 11 da Algalia de Arriba, onde nos últimos tres anos o colectivo Escárnio e Maldizer realizaba actividades formativas e culturais. «Obviamente para nós é moi duro estar traballando todos os días nun lugar, para que sexa un espazo para a veciñanza, para a mocidade, para a comunidade, que xa non quedan en Compostela, e que de repente todo iso se desvaneza». Fala así unha membro do colectivo en conversa con EL CORREO GALLEGO.
Mais tampouco o desenlace será renderse: «Desaloxaron moitos centros ocupados e abríronse moitos outros. Este desaloxo non é o final do movemento okupa en Compostela». Unha mostra é a propia concentración que na mañá deste venres ten lugar na praza de Cervantes (antiga praza do Campo), unha hora antes de que a Policía desaloxe o inmoble, no que por outro lado xa non queda apenas material do colectivo autoxestionado. «Trátase dunha orde de desaloxamento que non permite a entrada para recuperar enseres», explican, polo que nestes últimos días as tarefas centráronse na recollida dos materiais que alí se gardaban.
Unha actividade ben diferente á desenvolvida nos últimos tres anos. «Este estaba a ser o momento de maior actividade dende que volveu funcionar o centro social», contan. Entre as actividades que se ofertaban realizábanse semanalmente talleres de hacklab –desenvolver e arranxar tecnoloxía: ordenadores, móbiles...–, baile galego, xuntanzas de pandeireteiras, clases de inglés, de boxeo, talleres de bordado, de teatro... Todo un abano de actividades para a comunidade que se complementaban con outros eventos, cedendo o uso do espazo a outros colectivos.
‘Okupas’, mocidade que estuda e que traballa
O nivel de actividades do espazo ocupado por Escárnio e Maldizer, así coma a súa estabilidade no local abandonado da Algalia de Arriba, ‘mata’ o relato común, e así o defende quen accede a falar con este diario. «Fai moita graza ese mito, os vagos e maleantes. Se realmente a xente soubese o traballo, as horas, o sacrificio e a capacidade de organización necesaria para manter un centro social...».
A testemuña lamenta «esta narrativa» pero tamén defende que as persoas que integran este colectivo son «maioritariamente xente nova», que está a estudar na cidade e «en moitos casos compaxina o estudo co traballo». Máis alá da actividade das asociacións veciñais ou das iniciativas municipais ou doutras institucións, no centro autoxestionado o obxectivo é «establecer un espazo para a comunidade». Comunidade que para uns é propia, para os picheleiros, e que outros –todos os estudantes que cada ano chegan a cursar os seus estudos a Compostela– se fai propia integrándose na vida do barrio. ‘Unha Compostela coas persoas no centro’, non dista o lema do goberno local da filosofía do colectivo instalado na Algalia.
A sombra de 2017
As 9.15 é a hora prevista para o desaloxo, logo dunha primeira sentenza que o fixaba para o pasado mes de maio, mais contra a que cabía aínda un recurso. A concentración do colectivo okupa fixouse unha hora antes en Cervantes, pero a sombra do conflito xerado no anterior desaloxo, en 2017 entre manifestantes e Forzas de Seguridade do Estado, planeaba sobre o que a priori se convocaba de xeito pacífico, e xa lonxe da área que prevén que a Policía precinte, os arredores do número 11 da Algalia de Arriba.
«Non creo que a xente teña que ter medo a achegarse á concentración, por moito que as noticias fagan sentir medo», explica a testemuña a EL CORREO, en relación á alarma dun posible conflito entre manifestantes e corpos de seguridade. A activista non quere deixar de mencionar que «os manifestantes nada teñen que facer fronte os corpos de seguridade», ante un posible conflito, e lembra que no desaloxo do primeiro colectivo okupa en 2017, tamén «os golpes da Policía causaron o desvanecemento dun mozo duns 20 anos».
Dende o colectivo, alén de teren a seguridade de que a clausura do centro non será o final do movemento, reivindican «o dereito de todas as persoas a manifestarse e protestar polo que cren que non é xusto e o que non se pode ter é medo, porque no momento en que consigan que teñamos medo, xanon estaremos a vivir nunha democracia. Non podemos deixar que gañe o medo».
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles
- La CIG convoca asambleas para decidir cuándo reiniciar la huelga de autobuses en Santiago