Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pódcast, unha ferramenta educativa que ten premio

O certame O Vello dos Contos chega á súa oitava edición ampliando categorías de concurso, premios e contía dos galardóns

Xosé Mosquera caracterizado coma o Vello dos Contos fotografado por Ksado

Xosé Mosquera caracterizado coma o Vello dos Contos fotografado por Ksado

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A certame de pódcast Xosé Mosquera Pérez ‘O Vello dos Contos’ chega á súa oitava edición. Un concurso promovido dende Arraianos Producións e o IES Rosalía de Castro (que conta coa colaboración de institucións coma a Xunta, o Concello de Santiago ou o Consorcio) que pretende potenciar o galego e o portugués a través desta ferramenta de utilidade educativa e creativa poñendo no centro a este «picheleiro de pro» de cuxo nacemento e pasamento se cumpriron o pasado ano 130 e 60 anos, respectivamente.

E para celebrar esta dupla cita, o certame de case unha década de existencia amplía alumnado (chegando aos universitarios), número de premios e tamén a contía dos mesmos. Aquel alumnado e centros de ensino que queira participar pode presentar a súa solicitude en ovellodoscontos@arraianos.com ata o 13 de febreiro, Día Mundial da Radio, medio de comunicación esencial para Xosé Mosquera e mais o seu personaxe, O Vello dos Contos.

Aser Álvarez, de Arraianos, conta a EL CORREO GALLEGO que do que se trata é de «divulgar a que foi a primeira estrela mediática da radio en Galicia e, sobre todo, fomentar o pódcast coma ferramenta de innovación educativa e normalizar o seu uso na sociedade, o pódcast en galego». Máis non só en galego, xa que o certame inclúe tamén a lusofonía «porque pode participar en portugués o alumnado das escolas de idiomas e colexios do Norte de Portugal». Ademais, o VIII O Vello dos Contos amplía a convocatoria do ensino primario e secundario á ensinanza secundaria para adultos e tamén ao alumnado universitario de Galicia e Norte de Portugal.

O mellor dos pódcast, elixido por un xurado de cinco persoas, será premiado cunha estatuíña elaborada polo alumnado da escola Mestre Mateo e 1.500 euros. As categorías para acadar este galardón correspóndense co público ao que vai dirixido: de primaria, de secundaria e de secundaria para adultos e tamén de universidades e engade o Premio ao mellor proxecto radiofónico, no que poden participar centros públicos e privados non universitarios e entidades sen ánimo de lucro que conten con proxecto radiofónico.

Unha vez presentada a solicitude, antes do 13 de febreiro, cada grupo ou persoa participante dispón até o 1 de maio para enviar o seu traballo, cunha duración máxima de cinco minutos e unha temática que abrangue toda a cultura galega –tradicional e contemporánea– e, por suposto, a figura de Xosé Mosquera ‘O Vello dos Contos’. «Non queremos desbotar o potencial do pódcast como ferramenta de innovación educativa», di Álvarez, «a nivel de competencias lingüísticas, por suposto, pero tamén de comunicación, é un xeito de habilitar estas capacidades de forma moi sinxela e con moi pouquiña tecnoloxía: un micrófono, un ordenador e, sobre todo, bo gusto». Ademais, en ovellodoscontos.gal «hai titoriais para ver como se usa o Audacity, que é un software libre de edición de audio, tamén para promover as ferramentas de uso libre e colaborativo», engaden dende Arraianos.

Divulgar a figura de Xosé Mosquera a través dos seus guións radiofónicos

«É un picheleiro de pro, un home que sempre estivo na espeteira defendendo o que era a cultura galega», di Aser Álvarez sobre Xosé Mosquera, ‘O Vello dos Contos’. E por esta relevancia que ten na nosa cultura, unha figura máis ben descoñecida, é que se perfila o proxecto de pódcast que busca recuperalo. Contando coa colaboración da súa filla, Loliña Mosquera, e de personalidades da cidade que o coñeceron, como o humorista Farruco, o escritor Suso de Toro ou o ex alcalde de Santiago Xerardo Estévez.

Xosé Mosquera foi figura clave na creación de Radio Galicia, a primeira da comunidade, e a través dela tamén fixo campaña para o plebiscito do Estatuto de Autonomía. Pero alén diso, nun momento dun alto nivel de analfabetismo en Galicia, O Vello dos Contos converteuse «nun dos primeiros speakers da primeira radio».

No seu interese por empatizar coa xente, «Mosquera Pérez adopta a figura do que podía ser un comerciante na carballeira de Santa Susana, un paisano da feira, e fala para eles», con contos, lendas, historias de colleita propia e doutros autores» que o converten nun personaxe moi popular na época.

Tracking Pixel Contents