Santiago en Fitur: á caza do turista de negocios, que gasta o triplo
Segundo Spain Convention Bureau, o participante de congresos deixa unha media de 379 € ao día fronte aos 137 de quen se despraza por lecer

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, durante a presentación en Fitur / CONCELLO

O turismo de congresos e reunións é o público obxectivo que busca o Concello de Santiago este ano coa súa campaña ‘Compostela é moito MICE’, que na tarde deste mércores se presentou na Feira Internacional de Turismo Fitur. Ao recinto de Ifema en Madrid acudiu a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, acompañada pola directora do Palacio de Congresos e Exposicións, Belén Montero.
Dende Raxoi búscase este tipo de turismo «porque encaixa dentro do modelo de turismo sostible» ao que o goberno local quere tender e poñen en valor que se trata de persoas que viaxan fóra da tempada alta (verán, Semana Santa e Nadal), que se desprazan entre semana e polo tanto «non xera picos de masificación en fins de semana» pero sobre todo o impacto económico deste tipo de visitante. Segundo Spain Convention Bureau que elabora un estudo para o conxunto do Estado, «o gasto medio por persoa e día foi de 379 euros, que é arredor do triplo do gasto medio do turista de ocio, situado en 137 euros».
O turista de negocios permanece, segundo Spain Convention Bureau unha media de 5,5 días, os internacionais, e 3,1 días os participantes nacionais. Por estes motivos a campaña presentada en Fitur céntrase nas infraestruturas de que dispón a cidade, especialmente o Palacio de Congresos, explicou Montero que «se trata dun edificio de máis de 15.000 metros cadrados, cun auditorio para máis de 2.000 persoas, múltiples salas modulables, zonas expositivas e todos os servicios necesarios para acoller congresos científicos ou convencións corporativas».
A este espazo súmanse outros coma o Auditorio de Galicia, a Cidade da Cultura, o Recinto Feiral de Amio ou os que corresponden á USC, sumando en total máis de 5.000 prazas en infraestruturas específicas. Pero a edil tamén destaca as «máis de 5.500 prazas hoteleiras das que 4.700 están en hoteis de máis de 3 estrelas».
Así e todo, dende Raxoi, seguen tamén a pular por promover a descentralización dos fluxos, procurando que os visitantes vaian máis aló dos arredores da Catedral. Por iso en Fitur tamén se puxo en valor o feito de que a cidade estea «abrazada» polos ríos Sar e Sarela, e os valores naturais do seu rural.
Unha vintena de eventos na axenda congresual de 2026
Convention Bureau é o departamento de Turismo de Santiago que se encarga do turismo de congresos e da calendarización dos mesmos. Segundo os seus datos, que se poden consultar no apartado correspondente de santiagoturismo.com, xa están axendados arredor dunha vintena de eventos, xornadas e simposios para 2026.
No Palacio de Congresos, tres do eventos que se van desenvolver van congregar en conxunto 7.200 persoas. Trátase do Congreso da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria, que chegará en outubro e reunirá 5.000 participantes; AUSAPE –de xestión de procesos de negocio– para o que se agarda un milleiro de persoas; e o Congreso Nacional de Endocrinoloxía, con 1.200 participantes.
Tamén a USC vai acoller nas súas facultades diversos congresos, entre eles o Nacional de Estatística, para o que se agardan 500 partipantes ou a ESSE Conference, en Filoloxía, onde partiparán entre 600 e 800 persoas. E os hoteis da cidade, coma a Hospedería de San Martiño Pinario, van acoller diversos congresos este 2026.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles