Así funcionará o proxecto piloto da USC que favorece a inclusión de alumnado ingresado no Clínico con avatares robóticos
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o reitor Antonio López, asinaron un convenio para o deseño dunha ferramenta que beneficiará a estudantes de Primaria

Foto de grupo no acto de sinatura do convenio para a experiencia piloto en Galicia. / Xunta
L.R.
Co obxectivo de que o alumnado hospitalizado poida seguir conectado ao seu grupo de clase, o grupo de Tecnoloxía Educativa da Universidade de Santiago (TECNOEDUC) vén de asinar un convenio coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través do Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDIX), para a posta en marcha este curso dun estudo piloto na Aula Hospitalaria do Hospital Clínico de Santiago.
O proxecto AVATARES ten como obxecto avaliar o uso de sistemas de telepresenza, en particular avatares robóticos, nos centros educativos co fin de reforzar o sentimento de pertenza, evitar o illamento social e manter o vínculo escolar do alumnado con enfermidades crónicas ou con ausencias prolongadas. Este proxecto pioneiro parte do traballo previo de TECNOEDUC, que desenvolveu unha metodoloxía pedagóxica para a integración dos avatares como recurso para a inclusión do alumnado durante os períodos de ausencia escolar, facilitando a súa posterior reincorporación ao centro educativo.
No marco do convenio asinado, profesionais do CIEDIX colaborarán no desenvolvemento do estudo piloto facilitando a súa implementación nos centros educativos e incorporándose ao equipo de investigación que leve a cabo a pilotaxe.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López, asinaron o convenio de colaboración nun acto no que tamén estiveron presentes a directora e a secretaria do Instituto de Ciencias da Educación, Carmen Fernández Morante e Lorena Casal; a directora do TECNOEDUC, Beatriz Cebreiro, e o director do Centro de Innovación Educativa e Dixital, Jorge Regueiro.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López, asinaron un convenio para o deseño da ferramenta. / Xunta
Comunicación co profesorado e cos compañeiros a través de audio
A experiencia piloto consistirá no uso de sistemas de tele-presenza por parte de alumnado de Educación Primaria hospitalizado no CHUS e incorporado á súa Aula Hospitalaria. Estes sistemas implantaranse nas aulas ordinarias do alumnado participante, permitindo a asistencia remota ás actividades lectivas mediante un dispositivo electrónico. A conexión establecerase en modo bidireccional, de forma que só se emitirá sinal de audio desde a aula hospitalaria, e o alumno ou alumna poderá visualizar e comunicarse por audio co profesorado e cos seus compañeiros e compañeiras de aula.
O desenvolvemento do proxecto conta ademais coa colaboración da empresa tecnolóxica de base universitaria No Isolation, desenvolvedora dos sistemas de telepresenza AV1 que se empregarán durante o estudo piloto. TECNOEDUC subscribiu coa compañía un acordo especifico de colaboración para a investigación, que permite combinar o coñecemento científico xerado na universidade cunha tecnoloxía deseñada especificamente para reducir o illamento social do alumnado.
Segundo explica a profesora da USC Carmen Fernández Morante, responsable do proxecto, a iniciativa permitirá non só aplicar a metodoloxía AVATARES en contextos reais, “senón tamén recoller evidencias científicas sólidas sobre o seu impacto no benestar emocional do alumnado, a súa integración social e a súa aceptación por parte do profesorado e da comunidade educativa”.
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles
- La CIG convoca asambleas para decidir cuándo reiniciar la huelga de autobuses en Santiago
- Las listas de espera de los talleres de coches en Santiago: 'Ahora mismo estamos desbordados
- La CIG espera cita con la patronal: si no hay acuerdo el lunes se reactiva la huelga de buses indefinida en Santiago
- Los trabajadores votan este miércoles si desconvocan la huelga de buses en Santiago
- Rechazo del sector del transporte al preacuerdo con la patronal: ¿Qué pasa con la huelga en Santiago?
- Santiago despide a Pepe del Latino, un referente de la hostelería en el Ensanche