Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Sete estudantes da USC recibirán axuda económica para desenvolver a tese doutoral en empresas

Daniel Arias, Gabriel Otero, Alejandra García, Patricia Hermida, Marta Pereira, Rocío Cordeiro e Pablo Rodeiro integran a nova promoción do programa de Doutoramentos Industriais da Xunta

Sete estudantes da USC integran a nova promoción do programa de Doutoramentos Industriais da Xunta de Galicia.

Sete estudantes da USC integran a nova promoción do programa de Doutoramentos Industriais da Xunta de Galicia. / Xunta

L.R.

Santiago

Un total de sete estudantes da USCintegran a nova promoción do programa de Doutoramentos Industriais da Xunta de Galicia. Trátase de Daniel Arias Ferreiro, Gabriel Otero Moreira, Alejandra García Calvo, Patricia Hermida Sestayo, Marta Pereira Ferrer, Rocío Cordeiro Rey e Pablo Rodeiro Otero. Ao abeiro desta iniciativa, o estudantado poderá realizar as súas respectivas teses de doutoramento en empresas ou centros tecnolóxicos.

A USC encabeza o número de doutoramentos industriais na presente promoción, seguida da Universidade de Vigo con cinco e da Universidade de A Coruña con dous. Bioloxía, enxeñaría, física, informática e química son as áreas de coñecemento nas que se concentran as investigacións a desenvolver nesta edición, na que o goberno galego inviste máis de 2,6 millóns de euros, o que eleva a dotación total a 10,10 millóns dende o 2021.

En que consisten os proxectos de investigación?

Ademais de potenciar a captación de talento e a creación de emprego de calidade, os Doutoramentos Industriais tamén promoven a transferencia de coñecemento das universidades ao tecido produtivo e fomentan a realización de proxectos de investigación industrial en empresas. Estimula, así mesmo, a incorporación do persoal doutor nestas entidades unha vez que remata a axuda, dándolle continuidade á bolsa da Xunta.

Os proxectos de investigación das teses buscan resolver as necesidades e retos da empresa ou centro tecnolóxico receptor. As axudas cobren os custos de contratación e os gastos relacionados co proxecto tanto na universidade como na empresa, ao tempo que ofrecen apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.

Ao longo do tempo, levan xa colaborado con esta iniciativa un total de 61 empresas e 15 centros tecnolóxicos do conxunto da comunidade galega, sendo 43 alumnos da USC, 20 de UVigo e 13 da UDC.

Tracking Pixel Contents