Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A taxa turística de Santiago recada 600.000 euros nos primeiros tres meses de funcionamento

A alcadesa de Santiago carga contra Borja Verea e o Partido Popular pola súa actitude en Fitur: «Non colaboran coa boa imaxe de Santiago»

O 12 de febreiro a Corporación celebra o debate anual sobre o estado do municipio

O contrato de buses pasou de concesión a servizos nesta licitación

O contrato de buses pasou de concesión a servizos nesta licitación / Antonio Hernández

A alcadesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta de diversos asuntos da actualidade local. Un deles, os resultados do primeiro período de autoliquidación do imposto por estadía turística realizado polos establecementos hostaleiros da cidade. A taxa turística aprobouse en 2025 e o último trimestre do ano pasou ser o primeiro de autoliquidación. Segundo os datos recollidos polo Pazo de Raxoi foron 275 as empresas que autoliquidaron no período voluntario, «o que suma 600.000 euros de recadación, unha cantidade importante».

Sanmartín valorou que este dato non dista do cálculo aproximado feito polo goberno local a este respecto e asegurou que os datos demostran que «o procedemento funciona», máis con todo «irase axustanto» xa que poden darse casos de empresas que realizasen correctamente o procedemento ou atopasen dificultades á hora de faceren a autoliquidación da taxa.

Contra a «visión catastrofista»

Tamén en relación co turismo, a alcaldesa de Santiago fixo mención á participación do Concello na Feira Internacional de Turismo –Fitur–, celebrada estes días en Madrid e á que o goberno local levou a campaña ‘Compostela é moito MICE’, centrada na captación do turismo de congresos e negocios. A alcaldesa defendeu neste sentido que Santiago é «lugar de intercambio de coñecemento» e tamén iso se quere potenciar, alén de atraer ese tipo de visitante, cunha «repercusión económica importante», a descubrir o que hai máis alá da cidade histórica (coma o rural, os paseos fluviais de Sar e Sarela ou o rural) e a aproveitar a oferta gastronómica compostelá.

Pero Goretti Sanmartín tamén aproveitou para responder as palabras do líder da oposición, Borja Verea (PP), que na mesma feira criticaba que o goberno local «non quere que nos visiten» ao tempo que lle afeaba ao Bipartito que centrase a campaña no turismo de congresos sen ter en conta que a situación dos taxis na cidade «é de vergoña».

«Desafortunadamente, Borja Verea non colabora coa boa imaxe de Santiago, non precisaba ir a Madrid para descualificar o goberno», aseguraba Sanmartín na rolda de prensa. A rexedora definiu a Verea como «campión do non» e asegurou que lle está a poñer «mala fama á cidade» e defendeu que «os datos desementen esta visión catastrofista». Sanmartín explicou que a caída do turismo da fala o líder da oposición non é tal e que ademais á vista dos últimos datos se incrementou o gasto por turista e lembrou o traballo do goberno local á hora de captar novas conexións aéreas para Santiago.

Neste punto afirmou que das catro liñas que comezará a operar no verán agardan que algunha delas teña continuidade máis alá da época estival e aproveitou para lembrar que neste sentido o Concello está a traballar a soas, sen o apoio da Xunta de Galicia. Sanmartín instou unha vez máis a que o goberno de Rueda, ao xeito dos de comunidades como Asturias ou Navarra, «destine recursos para a captación de liñas aéreas».

Algo que até o de agora non está a acontecer, segundo a alcaldesa nunha actitude da Xunta contra os intereses de Compostela. «O director xeral de Turismo da Xunta –Xosé Manuel Merelles– escapa de reunirse co goberno do principal destino turístico de Galicia», asegurou Sanmartín, nomeando as reiteradas citas solicitadas dende a Concellaría de Turismo de Santiago e adiadas dende a Xunta por diversos motivos.

Sobre o estado do municipio

A alcaldesa Sanmartín anunciou tamén este venres a data para a celebración do Debate sobre o Estado do Municipio, que terá lugar o xoves 12 de febreiro ás 12 da mañá.

Recursos ao contrato dos buses: Raxoi agarda resposta favorable do Tacgal

O novo contrato para o servizo de transporte urbano está en período de licitación. Nesta etapa o Pazo de Raxoi vén de recibir cinco recursos presentados por tres entidades (tres das alegacións presentadas aos pregos corresponden á mesma entidade), unha cuestión que para a alcaldesa de Santiago era previsible. «É habitual presentar recursos a este tipo de contratos, cunhas cantidades moi importantes», asegurou Goretti Sanmartín en relación aos máis de 250 millóns de euros, de contía total do contrato de servizos, e á duración de 13 anos do mesmo.

A rexedora asegurou que os servizos técnicos do Concello están agora a avaliar estes recursos «con rigor» e que se achegarán ás entidades recorrentes «todas as aclaracións e os informes» necesarios.

Sanmartín insistiu en que o goberno local contaba coa achega deste tipo de alegacións aos pregos como «algo previsible» e asegurou que «as respostas que se dean dende o Concello satisfagan o TacGal» (Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia). Respecto da resolución deste organismo a rexedora amosouse optimista, mais cómpre lembrar que no pasado, uns recursos paralizaron xa a concesión do contrato de buses, no mandato de Xosé Sánchez Bugallo (PSOE).

Con todo, a alcaldesa de Santiago non quixo entrar a especificar a que se refiren os cinco recursos presentados e solicitou «deixar que os técnicos os estuden e avalíen».

Audiencia coa alcaldesa

Na súa comparecencia de prensa a alcaldesa anunciou que dende a próxima semana estará operativo na portada da web municipal o enlace para solicitar audiencia con ela mesma por parte de veciños particulares. Unha iniciativa que se tomou no iniciou do ano, para atender as demandas da veciñanza. Unhas solicitudes que dende ese anuncio de primeiros de ano algún compostelán xa fixo chegar a Sanmartín vía correo electrónico.

Tracking Pixel Contents