Santiago
Vivenda, infraestruturas deportivas e parques infantís: as 20 condicións dos non adscritos para apoiar as contas
Rosón destaca que as propostas que trasladan ao goberno local son "en positivo" e acordadas a través do diálogo coa veciñanza

Marta Álvarez, Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón e Mila Castro, concelleiros non adscritos na Corporación de Santiago / Cedida
Os concelleiros non adscritos avanzan na negociación co goberno local para a aprobación das contas públicas do 2026 coa presentación dun primeiro documento con vinte propostas en materia de vivenda, infraestruturas deportivas ou parques infantís. Así o anunciou este sábado Mercedes Rosón, que destacou que se trata de propostas "en positivo" acordadas "en diálogo coas veciñas e veciños que diariamente nos trasladan os problemas reais" do municipio.
As propostas, sinalan, estrutúranse en tres bloques: promoción dos barrios, vivenda e mantemento; infraestruturas deportivas e promoción da cultura e servizos públicos. O primeiro deles céntrase na vivenda. Así, piden que se reserven fondos para a elaboración dun censo de vivendas baleiras que facilite a aplicación da recarga fiscal aprobada en pleno e "recuperar vivendas no mercado do alugueiro convencional". Este requisito está xa incluido no borrador de orzamentos entregadado polo goberno local para abrir as negociacións. Na mesma liña, piden priorizar a modificación de usos na parcela situada no SUND-25 de Roxos para facilitar a creación dun proxecto de cohousing no que se reservaría un 30% para vivenda de protección. A propia Rosón reunírase xa en novembro coa cooperativa que planea este proxecto. Tamén se reuniu xa con eles o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás. Aínda que esta é unha das esixencias dos non adscritos o seu cumprimento non depende de ningunha partida específica nas contas.
Sendas peonís e parques infantís
Na lista de investimentos, reclaman a execución dunhas beirarrúas en Ponte de San Lázaro de Abaixo e Agro dos Mozos, en San Lázaro, para mellorar a seguridade viaria na zona. Igualmente, propoñen a construción doutra senda peonil na zona de Pardiñas para a estrada de Bugallido-A Barcia.
Ademais, propoñen darlle continuidade ao programa de rehabilitación de parques infantís, executando unha remodelación de tres espazos: o parque da Trisca, o da rúa Budapest en Fontiñas e o parque infantil de Marrozos. En calquera caso, segundo apunta Mercedes Rosón, o goberno local "deberá executar tamén as actuacións comprometidas no acordo de orzamentos do 2025" nos parques de Angrois, da rúa Manuel Beiras en Conxo e no da rúa Lisboa de Fontiñas.
Inclúen tamén na batería de propostas a remodelación e rehabilitación integral do Centro Sociocultural de Vidán, "necesitado de actuacións urxentes polo estado de abandono actual".
Comedores escolares e nova licitación para a roza do rural
No capítulo de servizos públicos, poñen o foco nos comedores escolares e piden licitar un contrato de transición ante o remate da prórroga en xuño deste 2026: "o prioritario debe ser garantir a súa continuidade mentres non se estea en condicións de operar o novo modelo, aínda en proceso de estudo", apuntou.
Tamén en materia de contratos, piden avanzar nunha nova licitación para o servizo de roza, limpeza e mantemento de marxes e carreiros no rural, incluíndo unha das demandas históricas de Ferusa: a esixencia nos pregos de condicións de que operen dúas brigadas de xeito simultáneo, para avanzar nos traballos de roza das parroquias desde a zona norte e sur ao mesmo tempo. "Isto non só permitiría ir máis rápido, senón que garante unha maior igualdade no trato a todas as parroquias" explicou Rosón.
Os non adscritos piden ademais que se aborde a municipalización dos aparcadoiros da Praza de Galicia e Praza de Vigo, tralo remate da súa concesión, así como que se resolva o novo modelo de xestión da Praza de Abastos. A concesión do Mercado tamén se atopa en orde de continuidade, e reclaman ao goberno local que consensúe cos praceiros o mellor modelo de xestión a partir de agora.
Infraestruturas deportivas, culturais e outras obras
En materia de infraestruturas deportivas, as non adscritas piden unha ampliación do pavillón municipal do Restollal e que se acometa a remodelación do campo de fútbol de Fátima. No ámbito cultural solicitan un estudo para un auditorio en Conxo e sinalan a necesidade de dotar dunha subvención nominativa á Agrupación Folklórica de Sar.
Do mesmo xeito, as iniciativas inclúen a creación dun aparcadoiro disuasorio na zona norte da cidade ante a desaparición do aparcadoiro de Salgueiriños prevista como consecuencia da construción de vivenda protexida por parte da Xunta. Tamén propoñen que se procure novo financiamento para recuperar o proxecto de reurbanización da rúa do Restollal, un proxecto do último mandato de Sánchez Bugallo que non conseguiu financiamento europeo.
Rosón asegurou que moitas destas propostas "non requiren dun grande esforzo económico". "Algunhas cousas das que pedimos pasan por iniciar estudos e proxectos, ou por renovar licitacións que xa estaban previstas no gasto corrente pero que só requiriría reforzar lixeiramente o seu importe" engadiu. O mesmo ocorre con outros asuntos como a modificación urbanística que solicitan "e iso só require compromiso político co problema da vivenda". "Cremos que se trata dun primeiro documento realista, adaptado ás necesidades de Santiago e co que, como sempre, intentamos poñer o interese xeral por diante" concluíu.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo