Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MIR, obxectivo: conseguir praza

Santiago acolleu este sábado, dende ás 14 ás 18.30 horas, os exames do MIR (Médico Interno Residente) e de diversas especialidades. Na Facultade de Medicina examináronse químicos, biólogos, farmacéuticos e psicólogos, uns noveis nestas lides, outros veteranos. En calquera caso de aí saen os especialistas de mañá.

Ana y Paula, aspirantes al PIR desde Santiago: "Pedimos que se premie el esfuerzo"

Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Querido lector, EL CORREO GALLEGO comprácese en comunicarlle que o seu futuro médico de cabeceira, ou o seu psicólogo de mañá ou esa doutora que o vai atender se ten que acudir ás urxencias examinouse este sábado na Facultade de Dereito da USC, ou na de Medicina, na de Relacións Laborais ou na de Ciencias Políticas.

Ás 13.30 chamábase en calquera delas aos aspirantes das diferentes especialidades para a realización do que comunmente se coñece coma o exame MIR (Médico Interno Residente). Dende as 14 ás 18.30 horas desenvolvíase esta proba na que acabados de graduar e xa graduados con experiencia na proba volvían a competir co obxectivo, non só de sacar unha boa nota, tamén de que esa cualificación fose suficiente para conseguiren a praza.

Na Facultade de Medicina de Santiago examinábanse aspirantes ao BIR, ao QIR, ao FIR e ao PIR, o que respectivamente se corresponde con Bioloxía, Química, Farmacia e Psicoloxía. Nesta última disciplina concorreron Clara, María, Ana e Paula. A primeira e a última non era a primeira vez que se examinaban e criticaban da proba do ano pasado que fose «algo extraterrestre», no sentido que as preguntas non coincidían con ningún dos «simulacros» feitos. Neste sentido, Ana González chegada dende Pontevedra apostaba porque, desta volta, «se premie á xente que se esforzou». E tamén eran coincidentes as participantes no exame que atenderon a este diario no reducido número de prazas ofertadas e na amplitude da ratio médico-paciente. «A saúde mental non serve só para propaganda», reivindicaron as candidatas do PIR.

Ao exame de Bioloxía realizado en Medicina concursaban Alejandro e Lucía: el viña á súa segunda convocatoria logo de dar na primeira «cun golpe de realidade»; a segunda viña a coñecer o exame coa temperanza dunha moza que adestra en piragüismo de esprint olímpico. « O deporte achega moita disciplina, marca un obxectivo a cumprir e os nervios esquécense na liña de saída», afirma Lucía.

Meses e horas de estudo

Os nervios eran algo palpable nos arredores da Facultade de Medicina a iso da unha da tarde, tan só unha hora antes de enfrontárense á proba final, mesmo naquelas persoas que aparentemente permanecían máis serenas. «Eres opositora pero non só, hai cousas máis importantes, isto só é un exame» era unha frase coincidente entre as graduadas en Psicoloxía, mostra tamén de que teñen interiorizada a profesión.

Pero o nerviosismo é inevitable nunha proba eliminatoria, un único exame e moita competencia, ademais de notas de corte moi altas. «Tratar de conseguir unha o máis alta posible, que terá que ser por riba do 9», afirmaba Alejandro. E para conseguir estas notas, o cal tampouco garante a praza, as horas de estudo oscilaron entre as 5 e as 10, cunha media de 8 horas diarias e nunha marxe temporal de entre un ano e catro meses antes desta data. Tendo tamén en conta que non todo o mundo pode dedicarse exclusivamente ao estudo, moitos destes futuros médicos especialistas tamén traballan.

Cheo no Campus Sur

Os futuros médicos de atención primaria, os que realizaron o exame MIR, concentráronse no Campus Sur compostelán, na Facultade de Dereito, non só eles, tamén os seus acompañantes, que arredor das 18 horas –os exames finalizaban ás 18.30, logo de 4 horas e media dende o inicio da proba– enchían os arredores da facultade agardando a saída dos seus amigos e familiares.

A maioría das persoas que este sábado se examinaron en Compostela residían na propia cidade ou achegábanse dende Vigo, Pontevedra, Cabanas... Moitos deles non o fixeron no propio día da proba, senón que botaban man de amizades residentes na capital para chegaren xa na véspera para «ter todo máis controlado, non ter medo de non chegar ou que o tren se atranque vindo para o exame», confesaba Clara, aspirante do PIR, que desexaba un exame «diferente ao do ano pasado, que xerou moita tensión e sensación de indefensión».

Á saída, as valoracións, como é natural, movíanse entre o «foi un exame asequible e equilibrado» e o «non foi precisamente fácil». A próxima semana, publícanse os exames e as respostas. Logo chegan as notas, a celebración dos que sacaron praza e a volta ao estudo dos que seguirán a intentalo.

Terceiros de Europa pola cola en canto a salario

En España concorreron ao exame MIR 35.503 aspirantes, 772 en toda Galicia e 161 na Área Sanitaria Santiago-Barbanza. Do total, 12.366 prazas eran especializadas: 9.276, a maioría, para Medicina xeral.

A Federación Europea de Médicos Asalariados (FEMS) presentou a finais de 2024 o Libro Blanco de las Condiciones de Trabajo de los Doctores Europeos. Un informe que indica que o soldo medio mensual neto (sen gardas) oscila entre os 3.212 euros que cobra un médico sueco, os 2.870 dun finés, os 2.000 dun belga e os 1.412 dun portugués. España figura coma o terceiro país (pola cola) onde menos cobran os novos médicos (1.202 euros netos ao mes), só por diante de Polonia (1.050 euros) e Albania (980 euros ao mes).

O especialista Vicente Matas recolleu en decembro de 2024 as retribucións mensuais mínimas (sen gardas) dos MIR españois que van dende os 1.301 euros mensuais brutos que cobra o residente de primeiro ano ata os 1.795 euros que recibe o residente de quinto ano. Unhas cifras que varían segundo a comunidade autónoma. Pero tamén un dato que na xornada de onte non perturbaba os aspirantes ás diferentes especialidades, pois o primordial é: «Sacar a praza».

Tracking Pixel Contents