Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Optimismo en Raxoi cos orzamentos: “Estamos no bo camiño para chegar a un acordo”

Míriam Louzao tamén fai un balance positivo da presenza de Santiago en Fitur tras manter xuntanzas “satisfactorias” con compañías aéreas

Reunión entre o Goberno local de Santiago e os edís no adscritos celebrada no mes de novembro

Reunión entre o Goberno local de Santiago e os edís no adscritos celebrada no mes de novembro / Cedida

Manu López

Manu López

Santiago de Compostela

A voceira do goberno local de Santiago, Míriam Louzao, valorou este luns o estado das negociacións cos grupos da oposición para os orzamentos de 2026. Louzao indicou que esta semana producirase a terceira xuntanza arredor desta cuestión tanto co PSOE como cos concelleiros non adscritos, e sinalou que se mantén a previsión de levar o proxecto de orzamentos ao pleno do mes de febreiro.

Con respecto ao diálogo con cada un dos socios habituais do Bipartito, a voceira indicou que o grupo municipal socialista achegou 67 propostas, algo que “nos parece que exceden en moito do que se encadran nunha negociación deste tipo”. Por outra banda, varias das demandas dos edís non adscritos “xa aparecen na proposta de borrador que o que o Concello lles pasou”. Desta maneira, considerou que “estamos no bo camiño para poder chegar a un acordo”.

Imaxe dun pleno en Raxoi

Imaxe dun pleno en Raxoi / Antonio Hernández

Presenza en Fitur

Louzao tamén fixo un balance positivo da presenza de Santiago en Fitur, onde afirmou que se celebraron xuntanzas con compañías aéreas para atraer novas conexións ao aeroporto Rosalía de Castro que resultaron “satisfactorias”. Sen ofrecer máis detalles sobre eses encontros, apuntou que “imos pasar uns meses complicados” nos datos de viaxeiros ata que rematen as obras da pista.

A concelleira respondeu ás críticas da oposición e do sector hoteleiro respecto da campaña presentada para atraer turismo de congresos, tendo en conta a situación da cidade en materia de mobilidade. Louzao reafirmouse na aposta e indicou que “a mobilidade é unha cuestión que hai que mellorar”, agardando que o novo contrato de autobuses e o aumento das licenzas de taxi “van ser dúas cuestións que van quedar solucionadas e melloradas neste ano”.

Críticas de Borja Verea

“O que non entendemos é o que fai o señor Verea, que é ir a unha feira de turismo de promoción da cidade a falar mal da cidade. Como campaña de marketing, non fai falta ser estudoso da materia para saber que é absolutamente ridículo”, engadiu respecto das críticas do líder do PP compostelán.

Ademais, cuestionou que a Xunta de Galicia celebre xuntanzas “co sector e co xefe da oposición para dicir que os datos turísticos de Compostela non son bos”, mentres o director xeral de Turismo segue “sen dar unha xuntanza” coa propia Louzao, responsable desta área no goberno de Santiago.

Tracking Pixel Contents