Santiago
Sete empresas implícanse no novo sistema de reparto de mercadorías de Santiago
Raxoi segue avanzando no modelo de xestión coa aspiración de que sexa replicable noutros centros históricos. A inexistencia de precedentes comparables «dificulta a definición inicial»

Reparto de mercadorías na zona monumental de Santiago / Antonio Hernández

Raxoi segue avanzando na definición do novo sistema de reparto de mercadorías para a zona monumental da cidade, artellado arredor da plataforma loxística que está en construción no polígono do Tambre, un proxecto pioneiro de última milla que procura reducir as emisións e os demais impactos no uso do espazo por parte da veciñanza e no patrimonio. Neste marco, Mercagalicia, entidade pública que agrupa o Concello de Santiago e Mercasa, recibiu o encargo de realizar unha consulta pública ao mercado coa que obter información sobre o interese de posibles operadoras e contar con máis datos de cara a determinar o modelo de xestión e explotación, un proceso no que se involucraron un total de sete empresas.
Todas as firmas que amosaron interese no proxecto operan no ámbito da loxística e da distribución. Trátase concretamente de Aecoc, Cofares, J. C. Courrier, Correos, Seur, Severiano Servicio Móvil e Transportes Cabada y López. Segundo indican fontes municipais a este diario, os resultados da consulta poñen de manifiesto «a necesidade de construír un modelo de distribución urbana único, especificamente adaptado á Cidade Histórica de Compostela, para o que non existen na actualidade solucións equivalentes plenamente implementadas». A inexistencia de precedentes comparables «dificulta a definición inicial tanto do modelo operacional como do modelo de negocio», engaden.
Conclusións da consulta
A estruturación da consulta en dúas fases diferentes –unha primeira exploratoria do interese e unha segunda máis cualitativa e técnica– serviu para concentrar os esforzos en analizar as propostas concretas e identificar as necesidades estruturais. Ademais, a sondaxe permitiu extraer unha serie de conclusións que perfilan algúns dos eixos que definirán o proxecto.
Así, apuntan que a «complexidade multisectorial» da plataforma leva a adoptar un modelo de gobernanza colaborativo. Tamén se considera que o modelo «presenta un alto potencial de escabilidade e replicabilidade a outros centros históricos con problemáticas similares, reforzando o seu carácter estratéxico». Asemade, estímase que a implantación debe ser gradual, que a tecnoloxía será un factor estratéxico clave e que a plataforma «alcanzará o seu punto de equilibrio económico a medio e longo prazo».
Retraso nas obras
Os contactos para definir o novo modelo de reparto de mercadorías completáronse con xuntanzas cos sectores implicados e coa realización de enquisas, talleres informativos e mesas de traballo. Todo este proceso desenvolveuse en paralelo á construción do centro loxístico no polígono do Tambre, que vai con retraso respecto das previsións iniciais. A obra, encargada polo Consorcio de Santiago á sociedade estatal Tragsa, está financiada con fondos europeos e debía estar rematada a final de ano.
A demora implica perder case 250.000 euros da subvención comunitaria, que serán asumidos polo Concello. Esta cantidade súmase aos 1,3 millóns que xa achegaba Raxoi para o proxecto e aos 600.000 euros da urbanización exterior da plataforma. Segundo explicou a alcaldesa Goretti Sanmartín, os prazos incumpríronse por problemas de suministro e dificultades no subsolo durante a excavación. A rexedora tamén indicou que as novas previsións apuntan a concluír os traballos en marzo.
- Rodada en Santiago y ambientada en el Entroido gallego: así es la nueva película que llega a Prime Video
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Hasta cinco tapas gratis por consumición: la nueva cafetería que no querrás perderte en el corazón de Santiago
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Uno de los mejores panes de España se hace en Santiago: 'Un día normal aquí son 14 horas de trabajo