Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Raxoi retén 182.000 euros á empresa dos centros socioculturais polos impagos ao persoal

O PP critica que o goberno «menospreza» o persoal e asegura que non esixiu responsabilidades «ata que nós lle instamos a facelo»

Instalacións do centro sociocultural de Santa Marta

Instalacións do centro sociocultural de Santa Marta / Concello de Santiago

Santiago

O goberno local de Santiago acordou onte reter as facturas pendentes de pago á empresa Serviplus pola prestación dos servizos de animación sociocultural e novas tecnoloxías na rede de Centros Socioculturais, como garantía do pago dos salarios ás persoas traballadoras. Trátase de facturas correspondentes aos meses de outubro, novembro e decembro, que suman un total de 182.220,18 euros. Ao tempo, acordouse non devolverlle a garantía definitiva á empresa, unha vez se extinga o seu contrato, en tanto non se acredite o abono dos salarios.

Con esta medida, Raxoi procura garantir que o persoal traballador cobre as tres nóminas que se lle adebedan, tal e como Serviplus recoñeceu en resposta a un requirimento do Concello. Os contratos afectados refírense a servizos que na nova licitación da xestión dos Centros Socioculturais foron unificados no Lote III do procedemento de contratación, que vén de ser adxudicado a unha nova empresa que empezará a prestar o servizo nas próximas semanas.

Impagos desde 2024

A empresa está realizando as súas funcións mediante unha orde de continuidade decretada por Raxoi. A entidade vén arrastrando atrasos nos pagos ao persoal desde o outono de 2024. En varias ocasión ao longo do ano pasado manifestou a súa intención de abandonar, aínda que finalmente non deu ese paso. Na actualidade, leva sen abonar os salarios desde o mes de outubro, unha situación que levou os traballadores a iniciar unha recollida de sinaturas na procura de municipalizar o servizo. Para cobrar as facturas, deberá xustificar o pago das nóminas pendentes, segundo sinalou Louzao.

Críticas do PP

Tras coñecerse a medida, o concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente acusou o Bipartito de BNG e CA de «menosprezar» aos traballadores, ao afirmar que «non se lembrou de esixir responsabilidades á empresa ata a pasada semana, cando nós lles instamos a facelo». Así, no pleno que se celebrará esta semana, indica que «seguiremos reclamando que o goberno nacionalista poña fin a esta esperpéntica situación».

O edil remarcou que, «a estas alturas, cando vai facer tres anos que están gobernando, xa non é entendible que se escusen na ignorancia, co que é evidente que non están capacitados para dirixir unha cidade como Santiago de Compostela, que lles queda grande a Goretti Sanmartin e ao seu goberno». De la Fuente subliñou que «era obriga do goberno de BNG e CA activar os mecanismos necesarios para estas situacións que contemplan tanto a lexislación vixente, como os propios pregos da contratación, pero os nacionalistas estaban a outra cousa».

O concelleiro incidiu en que «queremos saber se non fixeron nada ata o de agora porque non sabían ou porque non quixeron». Do mesmo xeito, ademais da situación laboral, censurou que «licitaron a nova contratación tarde, mal e arrastro», e nbno que respecta aos usuarios «negáronse a atender as reclamacións pola constante e frecuente suspensión de actividades, que o goberno de BNG e CA quixo cobrar de todos modos, aínda sabendo que non se celebrarían».

Tracking Pixel Contents