Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O reitor da USC fai balance do seu mandato e destaca a remuda xeracional

Nun acto pola festividade de San Tomé, Antonio López resalta o aumento de alumnos e os fondos para investigación acadados nestes case oito anos

Ernesto González, Francisco Fraga, Antonio López, Pilar Bermejo e Pilar Murias no acto da festividade de San Tomé en Lugo.

Ernesto González, Francisco Fraga, Antonio López, Pilar Bermejo e Pilar Murias no acto da festividade de San Tomé en Lugo. / Cedida

K.M.

Santiago

O aínda reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, pronunciu este luns o seu derradeiro discurso á fronte da USC tras case oito anos de mandato, na véspera de que este martes comece a campaña para sucedelo e que rematará o día 12 coa elección da que convertirase na primeira reitora.

Na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo con motivo da festividade de San Tomé, fixo un percorrido polos principais logros acadados, entre os que destacou o relevo xeracional e a estabilización de persoal, o aumento de captación de novo estudantado e a redefinición da oferta docente; así como a mellora das condicións de vida ou o incremento de fondos para investigación nun escenario marcado polo rigor financeiro.

Compromiso con Campus de Lugo

Aproveitou para reiterar o «compromiso claro da Universidade con Lugo e a súa provincia».

Lembrou que desde 2019 crearonse 1.294 prazas de profesorado, 291 delas no campus lucense e que representan o 22,5% para un alumnado en Lugo que supón o 15% do total da USC, nun contexto de «xubilacións masivas».

Sobre a estabilización do persoal e apoio á investigación, cifrou en 120 as prazas novas rematado o 2024 e subliñou o acordo para o establecemento dunha carreira investigadora, sendo a institución compostelá das poucas de España en contar con ela, «fitos que se enmarcan na aposta pola estruturalización da actividade investigadora», á que se destinaron en 2024 -último ano co exercicio pechado- 104 millóns de euros.

Ademais, lembrou que no conxunto do persoal técnico de xestión de administración e servizos «se fixo un esforzo para atender ese proceso de relevo xeracional», con 656 prazas, tanto de acceso libre como de promoción.

A Universidade de Santiago mantivo a tendencia crecente de alumnos, cun incremento do 15% dos de primeira matrícula entre 2018 e 2025, pasando de 4.173 a 4.836». En Lugo o fixo de 621 estudantes a 936.

Aposta pola calidade de vida

Subliñou a aposta pola calidade de vida do estudantado, con medidas como os 700.000 euros para bonos comedor ou o reforzo da atención psicolóxica.

En fondos para investigación, pasouse de 57 millóns en 2018 a 104 en 2024; mentres que a débede reduciuse dos 26,8 millóns a 31 de decembro de 2017 aos 9,2 no último día de 2024, e incidiu en que «logo do refinanciamento acordado coa Xunta e coas entidades financeiras para completar o investimento necesario en Farmacia, quedará reducida a 0 en 2031».

Apoio institucional

En Lugo, no seu mandato recoñeceuse o Campus Terra como de especialización e creouse o Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible. Tamén naceu a primeira cátedra Unesco en Lugo vinculada ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, ou o labor que desenvolven plataformas como Pemade no ámbito da madeira estrutural o a Aula de Produtos Lácteos no sector alimentario, alén de estruturas como o Hospital Veterinario Rof Codina para o desenvolvemento de actividades universitarias de diversa natureza. Proxectos para os que o reitor puxo de relevo a importancia do apoio institucional.

Acompañaron ao reitor na mesa presidencial Francisco Fraga, vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo; Pilar Murias, de Estudantes e Cultura; Ernesto González Seoane, de Profesorado, e Pilar Bermejo, vicerreitora de Política Científica.

O catedrático de Filoloxía Inglesa Jesús Varela Zapata falou na lección maxistral do papel da lingua inglesa no mundo actual.

Tracking Pixel Contents