Santiago
Sanmartín descarta unha cuestión de confianza para sacar adiante os orzamentos
A alcaldesa declara o seu optimismo para obter os apoios necesarios pese a que o PSOE afirma que o borrador remitido polo goberno "non nos representa" e "certifica a parálise" da cidade

O Concello de Santiago celebra este xoves o primeiro pleno do ano 2026 / Antonio Hernández

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín descartou este mércores someterse a unha cuestión de confianza para sacar adiante os orzamentos municipais de 2026. O goberno está inmerso nas negociacións cos concelleiros non adscritos e co PSOE, que pouco antes das declaracións de Sanmartín afirmou que o borrador remitido polo Bipartito "non nos representa", criticando que "certifica a parálise" da cidade.
Pese á postura manifestada polos socialistas, a rexedora declarou que "son optimista" sobre as posibilidades de conseguir os apoios necesarios para as contas, unha postura compartida pola tenenta de alcaldesa, María Rozas, que considerou importante telas aprobadas "canto antes". "Hai marxe para chegar a un acordo e hai algunhas das cuestións que se formularon que xa estaban incorporadas ou que temos vontade de facer, e hai outras que estamos mirando cal é ese encaixe", sinalou Sanmartín respecto das conversas cos seus socios, cos que xa leva celebradas tres xuntanzas ata o momento.
Unha negociación que "chega tarde"
Previamente, o voceiro do PSOE en Raxoi, Sindo Guinarte, expresou que a negociación "chega tarde", afeou as "présas" do goberno pola súa intención de levar o proxecto de orzamentos ao pleno de febreiro e considerou que o borrador achegado ten "bastante falta de claridade e de concreción en moitos elementos", polo que estimou que "non nos representa".
Guinarte indicou que o anexo de investimentos "baixa radicalmente, redúcese en case nun 52 %". Así, censurou que a proposta de Raxoi "certifica a parálise de Santiago e supón un retroceso na construción do seu futuro". O voceiro socialista valorou que, con ese borrador e sendo o último ano completo do mandato, Sanmartín "incumpre o seu programa electoral", ademais de "incumprir algúns dos acordos" asinados coa súa formación en anos anteriores.
A todo isto súmase "unha fonda preocupación pola xestión dos fondos europeos que está a desenvolver este goberno municipal", sinalou Guinarte, despois de coñecerse a semana pasada a perda de varias partidas por non ter rematado proxectos a tempo.
Propostas para "cubrir o déficit"
Pola súa banda, a concelleira Marta Abal detallou algunhas das propostas dos socialistas para "sacar a Santiago desa parálise" e "cubrir o déficit" que detectan nos orzamentos en materias como vivenda, infraestruturas, mobilidade, comercio, urbanismo ou cultura.
Abal repasou as medidas presentadas a semana pasada nun almorzo informativo, engadindo prazos para algunhas delas. Así, demandou que a empresa municipal de vivenda quede consituída antes do 1 de xullo e que durante o primeiro trimestre do ano quede declarada a zona residencial tensionada, así como a culminación da cesión de parcelas á Xunta de Galicia para vivenda protexida.
No ámbito do urbanismo, o PSOE reclama a redacción de proxectos para converter o Restollal e Romero Donallo en bulevares verdes, mentres que en mobilidade solicita solucións para o aparcamento no CHUS, a convocatoria das novas licenzas de taxi e a municipalización dos parkings da Praza de Galicia e da Praza de Vigo no primeiro semestre. Un plan de mantemento, a recuperación da Casa da Xuventude ou mellorar a oferta cultural son outras inciativas que destacou Abal na súa comparecencia.
Pleno sen iniciativas do goberno
As conversas sobre os orzamentos continúan na antesala do pleno deste xoves, no que o goberno municipal non impulsa ningunha iniciativa. Preguntada por se a relación co PSOE e cos non adscritos influíu nisto, Sanmartín declarou que estas relacións son "boas". A alcaldesa matizou que se trata dunha cuestión "puntual" e que "é bastante habitual" que suceda a comezos de ano, despois de rematar o anterior con varias sesións, mesmo algunha extraordinaria. "Pódese contrastar con outras veces onde houbo oito ou nove puntos que eran do goberno", engadiu.
Neste primeiro pleno do ano, a oposición impulsa varias proposicións, rogos, preguntas e mocións sobre asuntos que foron obxecto de debate durante as últimas semanas, como os radares ou os centros socioculturais. Non obstante, e pese á preocupación expresada e ás críticas realizadas, outra ausencia significativa por parte dos grupos será a de iniciativas relativas á perda de fondos europeos coñecida ao longo deste mes.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio