Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Estrea en Santiago

The Rapants volve con todo e máis, cun avance do seu novo álbum: "Este disco é a nosa esencia"

‘Non sei como’ é a primeira canción do disco que a banda de Muros estreará o próximo 28 de marzo cunha festa no Multiusos Fontes do Sar

Fotografía promocional de ‘Rapants Club’, o novo álbum da banda muradana

Fotografía promocional de ‘Rapants Club’, o novo álbum da banda muradana / Andrea Sánchez

Santiago

The Rapants é unha das bandas galegas que máis soa na actualidade. Os números dan conta diso, porque o seu próximo disco, 'Rapants Club', verá a luz na capital compostelá o próximo 28 de marzo no Multiusos Fontes do Sar e xa case ten todas as súas entradas esgotadas.

O cuarteto de Muros sacou un adianto de 'Rapants Club', a canción 'Non sei como', cun videoclip no que aparecen figuras coñecidas, como o futbolista Hugo Rama, os actores Miguel de Lira e Federico Pérez, Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño —do dúo Caamaño&Ameixeiras—, os cantantes 9Louro e Xián Pais, os creadores de contido Champimuros e Merce Totakeki, e incluso o campeón de surf Guillermo Carracedo. Ademais, saen localidades como Muros, Carnota, Negreira e Santiago e o cuarteto ten a compañía do cantante catalán, Joe Crepúsculo, que canta en galego por primeira vez na súa carreira.

«Este disco engloba todo o anterior, metemos guiños de letras anteriores. É a nosa esencia e é como un déjà vu. Sobre todo xa no videoclip, pódese ver a xente que xa saía (en clips anteriores). A nosa idea é facer como un recompilatorio, unha maneira de enfocar todo o noso traballo ata agora», comenta unhas das voces principais e guitarrista da banda, Samuel González Fernández.

Fotograma del videoclip de 'Non Sei Como'

Fotograma do videoclip de 'Non Sei Como' / Verónica Álvarez

A canción 'Non sei como' conta coa participación de Joe Crepúsculo, cantante catalán que decidiu cantar por primeira vez na súa carreira artística en galego. «Súper contentos con él como artista e con él como persoa. Foi súper emotivo que non puxera pegas para poder cantar en galego, ao contrario, él animouse non só a falar en galego, senon falar como o facemos na nosa zona, Muros. A verdade é que non puxo ningún pero», explica González.

O álbum, 'Rapants Club', ven preparándose fai tempo, con moito esforzo e dedicación. «A verdade é que nos levou traballo de carallo tamén. Esperemos que a xente o vexa e o note. É incríble o apoio que estamos a ter e estamos agradecidos a todo o mundo. O que esta por vir estará súper guai», sinala o vocalista.

Respecto ao concerto no Multiusos Fontes do Sar o próximo 28 de marzo, será a inauguración do álbum. «Solo hai que esperar un pouco para ver o resto do traballo. É onde vamos a facer a gran inauguración, esperemos cunha gran festa e esperemos que ninguén se lastime», rí o vocalista da banda.

Ademais, o 6 de febrero The Rapants estarán a tocar en Zaragoza e o 7 en Bilbao. Os últimos días de febreiro, o 28, presentaranse en Bruselas no festival Emigrason, que é a última data da xira.

Tracking Pixel Contents