Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A oposición tumba a xestión mixta do contrato da auga

O goberno local cualifica de "mágoa" que os votos de PP e PSdeG, que suman unha maioría de 13, determinaran que se adopte o sistema de concesión

Depósito de auga no lugar de Vilares, en Santiago

Depósito de auga no lugar de Vilares, en Santiago / Antonio Hernández / 65

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

A comisión para a xestión do ciclo integral da auga reuniuse este luns con resultado de cambio no modelo proposto polo Bipartito, unha xestión mixta. Na xuntanza deste 2 de febreiro a proposta do goberno local recibiu tan só oito votos a favor (BNG e Compostela Aberta) e 13 en contra (PP e PSdeG).

A proposta dos socialistas, someteuse a votación da comisión da auga o modelo de concesión. Proposta que saiu adiante cunha votación de 13 'Si' (PP e PSdeG) e oito 'Non' do goberno local. Queda agora por determinar cando poderá someterse a pleno este novo modelo, que dende o goberno local cualificou a súa voceira, Míriam Louzao, como "unha mágoa". Neste sentido a portavoz reivindiou unha vez máis que a xestión mixta "garantía un maior control público"

Nesta mesma liña pronunciouse tamén a voceira da formación socia do goberno bipartito, María Rozas (Compostela Aberta) para asegurar que CA «non apoiará un modelo que non garanta o control público do servizo». Sobre o modelo de concesión polo que aposta a oposición o Pazo de Raxoi, Rozas lamentou que os grupos «non contemplan máis alternativas que a de manter o mesmo modelo privatizado que leva instaurado 50 anos en Santiago e que neste tempo nin garantiu o control do servizo nin permitiu que teñamos unha rede modernizada e infraestruturas en bo estado».

PSOE e non adscritos critican o posicionamento do BNG

Xa antes da xuntanza da comisión da auga o grupo municicipal socialista amosaba a súa oposición á xestión mixta alegando "falta de informes" que a avalasen, asegurando que os informes solicitados non foran facilitados, en referencia á situación económica, técnica e xurídica do Concello de Santiago que xustifique a xestión mixta, que recaería maioritariamente no control municipal. Dende o goberno local, a concelleira Míriam Louzao aseguraba que toda a información requirida polos grupos da oposición fora achegada.

O voceiro socialista situou a postura da súa formación fóra de criterios ideolóxicos e asegurou que «non é unha posición ideolóxica, é unha posición baseada na realidade das circunstancias de Santiago». E matizou estas cuestións de carácter urxente facendo mención a que a cidade «necesita uns cuantiosísimos investimentos a curto prazo en abastecemento, en depósitos, na ETAP para extraer a auga do río Tambre, e eses investimentos non está garantido que poidan chegar pola vía dunha empresa mixta».

Mais as críticas á falta de transparencia e as dúbidas arredor do modelo proposto por Raxoi, que comezaron hai semanas, continuaron na xornada deste luns e acrecentáronse á vista do resultado da votación e o conseguinte cambio de modelo a concesión. No nome dos catro edís non adscritos falou a concelleira Mila Castro, para criticar "a incoherencia do Partido Popular, que bloqueou esta opción en setembro do 2022", –da man de BNG e Compostela, tamén lembraba– sendo ela mesma a concelleira responsable de Servizos Básicos, no mandato anterior, o do socialista Xosé Sánchez Bugallo.

Unha das reunións da Comisión encargada de analizar a forma máis eficiente para a xestión do ciclo integral da auga no Concello de Santiago

Unha das reunións da Comisión encargada de analizar a forma máis eficiente para a xestión do ciclo integral da auga no Concello de Santiago / Jesús Prieto / 74

Castro, ao igual que tamén fixo o seu ex compañeiro de bancada e hoxe voceiro socialista, Sindo Guinarte, puxo o foco en que o que este luns saiu adiante foi «a proposta presentada no anterior mandato». «O tempo volve darnos a razón despois de tres anos de roturas», aseguraba Mila Castro.

Pero esta coincidencia en defender o modelo concesional non oculta o enfrontamento permanente entre socialistas e ex socialistas. En documentos aos que puido ter acceso este diario queda reflectida a oposición do grupo municipal socialista á presenza na comisión da auga das concelleiras non adscritas, pese a participaren con voz e sen voto. Opción esta última defendida polo goberno local «dado que os edís non adscritos forman parte do Pleno da Corporación que deberá pronunciarse sobre a proposta da comisión».

As concelleiras non adscritas acusaron a alcaldesa Goretti Sanmartín de "empregar a comisión como cortina de fume para dilatar os prazos e á oposición como escusa para xustificarse ante os seus socios e aplicar o modelo que o BNG aplica alí onde goberna: a concesión".

«O tripartito foi un fraude»

As críticas que chegaron máis alá foron as do Partido Popular. O concelleiro José Antonio Constenla afirmou que o ocorrido na xuntanza da comisión da auga deste luns "deixa en evidencia, unha vez máis, a absoluta falta de cohesión e de proxecto do chamado tripartito municipal", referíndose ao pacto entre BNG, CA e PSdeG que permitiu que Goretti Sanmartín tomase posesión como alcaldesa.

Poñía así Constenla o foco en que o "socio de investidura do BNG", en referencia ao PSOE, "votou en contra deste modelo de contrato". Para o edil popular “o ocorrido confirma que o suposto pacto de perdedores nunca foi real" e engade que "Santiago carece dun goberno sólido e capaz de tomar decisións nos asuntos estratéxicos".

O PP insiste en que o ocorrido é "unha nova proba de que o tripartito foi un fraude desde o primeiro día. Nunca existiu un pacto de goberno nin un proxecto común para Santiago. O que houbo foi un pacto contra Borja Verea que cada día queda máis claro que, en realidade, é un pacto contra Santiago”.

O edil do PP insistiu en que o acontecido coa comisión da auga «confirma o fracaso dun modelo de goberno baseado na improvisación, na confrontación interna e na ausencia total de diálogo». Para os populares, «a desesperación por sobrevivir de Goretti Sanmartín e o goberno de BNG e CA xa se traduce nun balance demoledor para a cidade» e acusan a xestión do bipartito da perda de empresas e na desaparición de comercios na cidade ou na situación na que se atopan os centros socioculturais, que permanecen sen actividade mentres os traballadores teñen aínda nóminas pendentes de cobrar.

Tracking Pixel Contents