Sandra Vilas, artesá de Santiago: «Non compensa a fibra sintética, nin economicamente»
A lá merina é un material natural, termorregulador e respectuoso coa pel e co medioambiente. É a fibra escollida por Sandra Vilas para os seus proxectos de emprendemento, Claudinas e Boina Galega. Pero nos talleres que ten en Conxo non só se fan boinas, tamén panos e paxaros autóctonos de feltro.

Sandra Vilas no seu obradoiro da rúa García Prieto, en Conxo.

O pasado mes de decembro entregáronse os XVIII Premios Nacionais de Artesanía, uns galardóns dos que a creadora Sandra Vilas resultou finalista na categoría de Emprendemento co seu proxecto Boina Galega. A artesá, titular do taller Claudinas na rúa García Prieto, comenta este recoñecemento con EL CORREO GALLEGO.
Finalista na categoría de Emprendemento dos Premios Nacionais de Artesanía. Como se recibe este recoñecemento?
O feito de que recoñezan o traballo diario sempre é unha boa nova. Neste caso ao ser a nivel nacional ten un plus. Hai moita xente moi boa, un recoñecemento así é moi gratificante e axuda a seguir traballando e apostando polo sector, porque cando un emprende hai días mellores e peores.
O seu proxecto emprendedor botou a andar en 2016. Como valora estes dez anos de traxectoria, difundindo sobre todo nas redes?
Fixemos moitas colaboracións. Ademais de con Loewe con outras marcas, máis pequenas. Nas redes pouco se pode definir a realidade do traballo, que comezou coma un proxecto persoal, unha forma de traballar o feltro e de aí xurdiu a Boina Galega, por casualidade. Tamén creamos reproducións de paxariños autóctonos, que tamén é complexo, sen deixar de darlle forma a proxectos doutras marcas. A empresa trata de xerar emprego pensando en facelo dunha maneira o máis amable posible. Claudina era a miña avoa, a que me transmitiu o amor polo téxtil. Era costureira e moi meticulosa, na casa non se pensaba en mercar senón en facer. E ademais, coma agora maioritariamente, o traballo do téxtil é feminino. En Claudinas somos entre 20 e 26 persoas, dependendo do volume de traballo e temos dous talleres. Pódesenos contactar polas redes e tamén admitimos encargas con cita previa.
Empregan só fibras naturais, por que esta elección?
Confiren un maior confort. Tamén teño compromiso coa sostibilidade e co medioambiente. A lá está considerada un residuo e o feltro ten moitas aplicacións. Afeltramos a lá con auga e xabón, non con agulla, e absorve todo o natural que lle poñas enriba. Non compensa unha fibra sintética, derivada do petróleo, nin economicamente, é mellor unha peza que dure e que sexa confortable coa pel. De feito, até marcas do mundo deportivo están deixando a fibra sintética pola natural.
«Temos un público moi diverso, vendemos a América do Norte e do Sur e tamén a Europa»
Cantas horas de traballo, de media, pode requirir a creación dunha das súas pezas?
Nun produto ben feito e de calidade cada cousa ten os seus tempos. Os paxaros facémolos con agulla, fanse en seco, pero a boina faise en húmido. No caso dos paxaros facemos todo, até os peteiros, e dependendo do tipo pode levar entre hora e media e dúas horas, ou entre tres e tres e media, segundo o traballo que conleve. Se falamos dun pano, feito en húmido, ten que encoller entre un 30 e un 50% e iso tamén require tempo.
Precisa moitos coidados unha prenda de lá ou unha boina de Boina Galega?
A boina nin vai facer falta lavala. A lá merina e termorreguladora, non absorve olores e repele a mancha en si. Nós explicamos na propia etiqueta como lavala, ten que ser á man, pero pódese centrifugar e secar en plano. Igual podes pasar dous anos sen lavar, á lá favorécea simplemente aireala. Tamén está o mito de que a lá pica, pero non é así. Sempre e cando a prenda estea ben feita, coas micras que corresponde. O merino é moi fino. A lá basta que había antes era así porque aquí as ovellas que se criaban eran de carne, non de lá, viña mesturada con pelo. É aquilo de non mesturar churras con merinas, as churras son ovellas de carne, as merinas de lá.
De onde se serve Claudinas para obter a materia prima do taller?
Hai moita ovella merina en Extremadura, pero polo de agora sobre todo servímonos da materia prima de Alemaña e de Italia. Máis alá da lá tamén usamos coloridos moi concretos e traballamos o crochet, neste caso máis con casas de aquí, da península.
E a onde venden?
Temos un público moi diverso, enviamos a moitos países de América do Norte e do Sur e de Europa e aproveitamos tamén as irmandades galegas que hai repartidas polo mundo.
Comezamos falando dos recoñecementos, nunha década de existencia. Cóntenos agora como se chega ata aquí.
Sempre estiven metida no mundo do téxtil: debuxar, crear... Ata que tiven os meus fillos e decidín que quería estar na casa con eles. Empezou a gustar o que lles facía e decidín emprender. Dende a pandemia para acó estiven moi centrada na formación do persoal. Agora queremos sacar modelos novos, prestarlle atención ao produto do taller. Polo de agora só temos dous talleres en García Prieto, non tenda de venda directa ao público, senón colaboracións con comercios, pero buscaremos este ano vender directamente.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a desalojar el edificio: 'Se escucharon explosiones en la cubierta
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles