A Reixa, obrigada a trasladarse de novo: "Onde imos, hotel que montan"
A emblemática tenda de Santiago, que comparte espazo co local de moda Matrioska, múdase por terceira vez polo uso turístico do edificio no que estaba arrendada

Fran Villasenín de A Reixa / Antonio Hernández
"É a terceira vez que nos mudamos sen querelo. Somos a tenda nómada de Santiago". Así fala Fran Villasenín sobre o inminente traslado de A Reixa, a icónica tenda da rúa do Hórreo que xa está facendo as maletas para abandonar o que fora o seu fogar durante os últimos 10 anos. O local, que leva 20 aberto na cidade, terá que volver a trasladarse empurrado pola expansión turística de Compostela. "Pensabamos que esta tenda sería a definitiva. Pero venderon o edificio e os compradores dedícanse aos hoteis, así que tivemos que poñernos a buscar", conta o propietario.
O establecemento -que vende desde roupa ata artigos musicais e de literatura-, atópase actualmente en liquidación, con descontos tanto en A Reixa como na tenda de Eva Sánchez, Matrioska. Ambos negocios levan tempo compartindo o mesmo espazo, e ambos terán que marchar antes de xullo, a data na que remata o arrendamento.
Conta Villasenín que a busca dun novo establecemento non foi doado, porque os prezos do aluguer son excesivos. Aínda que tiveron sorte -atoparon un oco no número 53 da mesma rúa- o proceso estivo moi preto de rematar en desastre e supor o fin de A Reixa. "Chegamos a pensar en pechar, porque non atopabamos outro negocio. Non podes pagar 3.000 ou 4.000 euros de aluguer, tes que traballar para vivir, non para pagar a renda", di o dono.
O novo espazo, conta, será "semellante ao de agora" e proxecta iniciar a súa andaina cunha festa de apertura o 1 de abril. "A idea é facer unha inauguración para que a xente saiba onde estamos, e tamén unha despedida do vello local. A ver se podemos abrir en primavera, porque hai que facer algunha reforma", di Villasenín, que está agradecido por como está respondendo a xente á liquidación.
As ganancias destas semanas axudarán a financiar a remodelación, convertindo ao público en "parte da nova A Reixa". Unha A Reixa que xa ten renacido moitas máis veces, e que, polo tanto, ten acostumada a clientela aos cambios de localización do seu recuncho.
O terceiro traslado de A Reixa en 20 anos
O propietario de A Reixa, promotor tamén da nova etapa da Sala Capitol, anunciaba a mudanza cunha crítica mensaxe nas redes sociais. "Parece que todos teñen a fantástica idea nesta cidade de reconvertir locais ou edificios con fins turísticos. Así, a curto prazo pouco de auténtico vai quedar en pé", escribía.
Trátase dun enfado xustificado se se ten en conta o histórico do establecemento. Como conta o propio Villasenín, este é o terceiro traslado de A Reixa, que estivo primeiro en Mazarelos e, máis tarde, no Hórreo.
A estas alturas, Villasenín aborda o asunto coma unha especie de 'maldición'. "Onde imos, hotel que montan", di, xa entre gargalladas, o propietario. A risa acábaselle cando se lle pregunta pola situación dos que, coma el, teñen un negocio local. "O pequeno comercio está fatal. E é unha mágoa", conta o comerciante.
Tendas como A Reixa, afirma, son as "que fan barrio", e as que rematan por transformarse no sitio "ao que vas cando estás de baixón". "Temos unha tenda moi persoal que nos gustaría ver noutras cidades. Nela acabas por coñecer a vida da xente", asegura Villasenín, para o que esa proximidade é unha das características máis máxicas do negocio. Por iso, fai unha promesa, que agarda poder cumprir, polo menos, outros 10 anos máis -o que durará o próximo contrato de aluguer-: "A nova Reixa seguirá a ser un espazo de socialización", no que "ver medrar" a clientela entre libros, discos e roupa retro.
- Los sindicatos deciden aplazar la huelga indefinida del transporte: el lunes continúan las negociaciones en Santiago
- Christian Gálvez: «Santiago es mi segunda casa y es parte de mi vida»
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- La CIG convoca asambleas para decidir cuándo reiniciar la huelga de autobuses en Santiago
- El compostelano Borja Iglesias se pronuncia sobre la discriminación: 'Mi objetivo era concienciar y ayudar
- Suspendida la huelga indefinida de buses en Santiago tras el principio de acuerdo entre patronal y sindicatos
- La CIG espera cita con la patronal: si no hay acuerdo el lunes se reactiva la huelga de buses indefinida en Santiago
- Los trabajadores votan este miércoles si desconvocan la huelga de buses en Santiago