Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Bouza acusa a Xunta de recortes en atención pediátrica no centro de saúde de Conxo

Reclama que se produza a «restitución inmediata» da prestación do servizo

O secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza

O secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza / Cedida

Santiago

O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, anunciou onte que os socialistas esixirán no Parlamento de Galicia a «restitución inmediata da atención pediátrica diaria» no centro de saúde de Conxo, ante a «falta de garantía dunha atención diaria continuada neste servizo».

Bouza advertiu de que a atención pediátrica «non está a prestarse de maneira diaria con normalidade» no centro de saúde de Conxo, unha situación que «supón unha redución da asistencia sanitaria dispoñible». Ao seu xuízo, trátase dunha medida que «o que fai é atacar a sanidade pública en Santiago de Compostela».

Denuncia «desprazamentos forzosos»

O dirixente socialista subliñou que a falta de substitucións non pode derivar en recortes asistenciais nin en «desprazamentos forzosos» das familias a outros centros sanitarios, xa que estas «merecen ter unha atención de calidade e non ter que desprazarse a outros centros», nun sistema público que conta con «excelentes profesionais».

Neste sentido, sinalou que cando se produce unha baixa «se ten que suplir por parte do goberno galego» e adoptar «as medidas necesarias» para que a dotación sexa suficiente e a atención «poida ter unha calidade óptima», evitando así que se produza «un recorte dos servizos nos centros de saúde». Bouza concluíu reclamando ao presidente da Xunta que «non mire para outro lado».

Tracking Pixel Contents