Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Conta atrás para saber que proposta alumeará a noite do centro histórico

O xurado do concurso de iluminación para a contorna da Catedral foi recibido pola alcaldesa en Raxoi mentres deliberaba cal das tres ideas finalistas se levará a cabo

A alcaldesa e a edil de Cultura (no centro) recibiron en Raxoi os membros do xurado do concurso

A alcaldesa e a edil de Cultura (no centro) recibiron en Raxoi os membros do xurado do concurso / CONCELLO

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Cunha lámina da cidade histórica, obra da creadora compostelá María Meijide, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, agasallaron os membros do xurado do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística que onte foi recibido no Pazo de Raxoi.

Unha visita á cidade na que decidiron, e se comunicará nos próximos días, cal das tres ideas finalistas será a que desenvolva o proxecto piloto na Praza das Praterías, ademais de redactar o deseño global, que alumeará tamén as noites da Quintana, da Inmaculada e, por suposto, da Praza do Obradoiro.

O pasado mes de xuño o Concello de Santiago convocaba este curso para o que se recibiron 21 propostas, non só do Estado senón tamén de procedencia internacional. De todas elas, o xurado –composto por arquitectos e especialistas en deseño e iluminación urbana coma David Chipperfield, Teresa Táboas, Roger Narboni, Esther Torelló e Manuel A. Castiñeiras– escolleu tres finalistas: ‘Hermes’, ‘Shh... See the silence’ e ‘Ad maiora semper’.

A alcaldesa e a concelleira de Cultura agasallan o xurado cunha lámina de María Meijide

A alcaldesa e a concelleira de Cultura agasallan o xurado cunha lámina de María Meijide / CONCELLO

«Quero facer constar que das 21 propostas que entregaron escollemos unicamente tres pero que a calidade de case todas elas era bastante grande», explicaba o arquitecto municipal Javier García Castelo, que especificou das finalistas que «eran as que se axustaban aos criterios que entendíamos que eran os que se requirían para intervención en Santiago».

Unha actuación no centro monumental da cidade sobre a que abundou a arquitecta Teresa Táboas destacando «a calidade das propostas finalistas» e a importancia de que todas elas tivesen en conta «esa atmosfera, esa maxia que nos envolve cando camiñamos no medio da néboa ou na escuridade», nun conxunto monumental que non foi creado en tempos de iluminación artifical e «resaltar a arquitectura súa barroca ou das prazas» da cotorna da Catedral.

A que fora conselleira de Vivenda no Goberno Bipartito puxo en valor «o exercicio intelectual de tal importancia arquitectónica e urbanística» deste concurso e deu os seus parabéns ao Concello de Santiago pola iniciativa.

Unha proposta do goberno local da que previamente falou a rexedora Sanmartín para destacar que a recepción de 21 propostas «demostra que hai moita xente que quere intervir, que ten ideas e alternativas, e creo que o que temos que facer dende as administración é facilitar esa posibilidade de poñelas en valor».

Tracking Pixel Contents