CA: "A Factoría Moza é compatible con recuperar o inmoble do Matadoiro"
O PSOE leva á negociación dos orzamentos a recuperación da Casa da Xuventude
Critican a "contradición do Bipartito", por destinar fondos a construír a Factoría Moza e non facer nada co equipamento público da Praza do Matadoiro

A Casa da Xuventude continúa a deteriorarse na Praza do Matadoiro logo de anos sen unha decisión sobre que facer co inmoble / Jesús Prieto

"Non sabemos nada da proposta do goberno, sabemos o que dicían na campaña electoral as formacións que integran o Bipartito", explicaba en rolda de prensa a concelleira socialista Marta Abal en relación coa situación da Casa da Xuventude. A edil criticou que "pasado o ecuador da lexislatura non hai proxecto, non hai calendario e non hai proposta alternativa". Para o PSOE "a rehabilitación da Casa da Xuventude é unha prioridade" e por iso "no marco da negociación dos orzamentos para 2026 propoñemos recuperar o proxecto mediante a súa rehabilitación e a definición clara dos usos".
A concelleira do PSOE en Raxoi lembrou que "no mes de setembro de 2023 o goberno municipal renunciou ao convenio coa Deputación da Coruña que asinamos no mandato anterior para rehabilitar a Casa da Xuventude". Un convenio que supuña a achega por parte do ente provincial dun millón de euros, así coma o compromiso de mantemento do edificio por 25 anos, a cambio de situar na planta baixa dese equipamento unha oficina de recadación provincial.
Abal criticou que o goberno de Goretti Sanmartín adoptase esa decisión "sen explicacións convincentes e cun silencio clamoroso por parte dos concelleiros de Compostela Aberta que teñen manifestado unha posición favorable á conservación do edificio", posicionamento contrario ao do BNG, que neste caso coincidía en campaña co Partido Popular e a idea de prescindir deste equipamento.
Dende Compostela Aberta (CA) os edís reivindican que a súa postura respecto da Casa da Xuventude "é sobradamente coñecida. De feito, foi CA a primeira organización que reivindicou a recuperación dese inmoble, que agora tamén o PSOE quere manter en pé". Ademais de apuntar a súa primeira intención, mantida na campaña electoral, os dous edís que integran o goberno (María Rozas e Xan Duro) afirman que "é unha mágoa que os socialistas non quixeran en 2023 facer parte do Goberno de Santiago, porque deste xeito habería unha maioría no goberno municipal que apostara por rehabilitar e darlle un uso a ese edificio".
Ademais, a formación que gobernou o Concello de Santiago dende 2015 a 2019 e agora retorna en coalición lembra que "dende a nosa entrada no goberno mantivemos que non iamos mudar de opinión -ao respecto da Casa da Xuventude- porque cremos que é un equipamento ao que se lle pode dar nova vida e de enorme interese para o movemento asociativo". Así e todo, defenden que "sabendo que esta era un discrepancia entre os socios de goberno, optamos por centrarnos en traballar nas cuestións que si temos en común, e entendemos tamén de interese para a veciñanza".
"Dicía a alcaldesa en relación co tema da xestión da auga que o peor é non facer nada", apuntaba Marta Abal para remarcar que "neste caso tamén é peor non facer nada". A edil do grupo municipal socialista puxo o foco en que "non se entende a contradición no goberno bipartito, destinando fondos á construción dunha Factoría Moza e argumentando que non existen equipamentos públicos e, sen embargo, con este equipamento público non se fai absolutamente nada".
En relación coa Factoría Moza, dende CA especifican que "o PSOE debera saber, porque o anteproxecto foi presentado publicamente, que este proxecto non é equivalente ao do Matadoiro". A formación integrada en Raxoi por Rozas e Duro lémbralle ao grupo socialista que "falamos dun equipamento moi ambicioso con 4.500 metros cadrados, que contará con salas de ensaio, de concertos, aulas de formación, biblioteca, espazos para obradoiros, zona de actividades físicas e área para disciplinas de cultura urbana".
Para Compostela Aberta "é evidente que este proxecto é perfectamente compatible coa recuperación da Casa da Xuventude, que podería ter usos distintos e complementarios".
Por isto, o PSOE na súa negociación dos orzamentos para 2026 co goberno local inclúe esta cuestión, pois aseguran que "é un tema que hai que desbloquear e ante a falta de alternativas do goberno o grupo municipal socialista pon enriba da mesa o proxecto do Partido Socialista para a Casa da Xuventude, interpelando ao goberno para que capte fondos para a súa rehabilitación".
Sobre este último punto pronunciáronse tamén as concelleiras non adscritas. A edil Mercedes Rosón publicou na rede social X a seguinte mensaxe: "Se non queres chegar a un acordo, leva á negociación asuntos nos que sabes que non vai haber consenso", para engadir que "a Casa da Xuventude é a escusa. O que non queren é o acordo".

A concelleira socialista Marta Abal durante a rolda de prensa no Pazo de Raxoi / CEDIDA
O proxecto do PSOE coa deputación
"A rehabilitación proposta non era un simple lavado de cara", explicaba en rolda de prensa a edil Marta Abal en relación ao convenio subscrito no mandato de Sánchez Bugallo coa Deputación da Coruña. A concelleira lembrou que o plan "implicaba unha transformación urbana de calado" e logo do anteproxecto se pretendía abrir "un concurso de ideas para mellorar a fachada e a súa integración na praza, rebaixar o edificio e integralo na contorna, crear un acceso ao Parque de Belvís e acometer o seu acondicionamento integral".
Ante o actual abandono e deterioro da Casa da Xuventude, a concelleira socialista non dubidou en afirmar que o rexeitamento do Bipartito ao acordo co ente provincial "foi unha mala decisión que supuxo tirar pola borda máis dun millón de euros da deputación destinados a rehabilitar o edificio e aos que habería que engadir os custos de mantemento e conservación que asumiría a Deputación da Coruña durante 25 anos". Abal redundou en que se trataba duns "fondos que aliviarían de maneira clara as arcas municipais e garantirían a conservación do edificio".
Mais a edil do PSOE tamén puxo atención en que se tratou "dunha mala decisión porque Santiago perdeu a rehabilitación dun equipamento público multifuncional no barrio de San Pedro". Así rememorou o proxecto dos socialistas, que contemplaba unha área destinada a servizos municipais (servizos para a cidadanía, ademais de modernizar un auditorio con capacidade para máis de 250 persoas) e provinciais (oficina de recadación), ademais de incluír "un espazo de coworking especializado nas novas tecnoloxías e na dinamización económica".
"Perda de fondos sen asumir consecuencias"
En relación co rexeitamento do convenio coa Deputación da Coruña no outono de 2023 por parte do goberno bipartito, a concelleira Marta Abal aproveitou para denunciar un vez máis a gravidade da perda de fondos por parte do actual executivo local. "A perda de fondos sen asumir as consecuencias estase a converter nunha práctica habitual do goberno, vémolo cos fondos da deputación e estámolo a ver coa perda de fondos NextGeneration". Abal sentenzou que "Santiago non pode permitirse perder fondos por inacción ou de falta de capacidade de xestión do goberno municipal, ou por falta de visión".
O grupo municipal socialista criticou nesta liña "a falta de capacidade de xestión do goberno municipal, a falta de ambición, dúas características que están a ser tónica habitual", polo que Abal advertiu, como xa fixera a pasada semana que os orzamentos que agora están en negociación "parécennos pouco ambiciosos e previsiblemente serán os últimos da lexislatura, polo que deben conter cuestións estratéxicas para a cidade".
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a evacuar el edificio: "Se originó en la azotea"
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles
- La CIG convoca asambleas para decidir cuándo reiniciar la huelga de autobuses en Santiago
- Las listas de espera de los talleres de coches en Santiago: 'Ahora mismo estamos desbordados
- La CIG espera cita con la patronal: si no hay acuerdo el lunes se reactiva la huelga de buses indefinida en Santiago
- Los trabajadores votan este miércoles si desconvocan la huelga de buses en Santiago